A alcaldesa debe aproveitar a presenza de Alfonso Rueda e Pedro Sánchez na cidade para esixir que a cidade reciba o trato que merece e se resolvan os proxectos que acumulan anos de atraso
O fomento da vivenda pública, a condonación da débeda do porto, a humanización de Alfonso Molina ou o centro de saúde da Falperra agardan solución, entre outros proxectos que suman anos de atraso
O grupo municipal da Marea Atlántica preguntará no Pleno que compromisos e investimentos para a cidade negociou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, para que a Xunta e o Estado os inclúan nos seus respectivos Orzamentos para o ano 2023. Instamos á rexedora a aproveitar que estes días manterá encontros co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e co presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, para reclamarlles a ambos os investimentos pendentes, polos que a cidade leva anos agardando, cando non décadas.
“Hai tempo que A Coruña non recibe un trato xusto por parte das administracións central e autonómica, e o momento de trasladar as reivindicacións é agora, alén da foto coas autoridades”, argumenta a nosa voceira, María García.
As contas pendentes da Xunta de Galicia
Así, na entrevista que Inés Rey manterá mañá con Alfonso Rueda, debería lembrarlle que o inicio das obras da Intermodal non pode facer esquecer o investimento que a Xunta ten pendente na cidade, comezando pola vivenda, xa que na Coruña hai 1.800 demandantes de vivenda protexida e o goberno galego non impulsou ningunha nos últimos anos. “Sumando os dous proxectos en Xuxán, temos 98 vivendas. E resulta unha cifra ben escasa se contamos con que o goberno da Marea Atlántica, cun orzamento moito menor, puxo en marcha 55 vivendas sumando Xuxán e Marqués de Pontejos”, sinala María García.
Tamén está pendente a reforma do mercado da Falperra para convertelo en centro de saúde, que está completamente paralizado. Como di a nosa voceira, “tanto o PP coma o PSOE se esforzaron en poñerlle trabas a este proxecto cando o alcalde era Xulio Ferreiro, pero o certo é que van tres anos de mandato e nada se conseguiu, só deixar ao barrio da Falperra sen servizos”.
Do presidente da Xunta tamén depende asumir as reformas pendentes nos colexios públicos da cidade, incluíndo o convenio de patios cubertos que incumpre desde 2006, reforzar a atención primaria e a sanidade pública, financiar as escolas infantís municipais cos mesmos fondos que lle destina ás privadas e saldar a súa millonaria débeda coa Sinfónica de Galicia, entre outros asuntos. Sen esquecer a necesitade de crear unha autoridade única para coordinar o transporte metropolitano, como levan anos reclamando todas as alcaldías da área.
Onde está o investimento do Estado na Coruña?
Do mesmo xeito, durante a visita de Pedro Sánchez para o cumio hispano alemán que se celebra na cidade o día 5 de outubro, a alcaldesa debería preguntarlle pola condonación da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña, tal e como se fixo en Valencia cun importe maior. “Se o Estado puxo fondos nos seus Orzamentos para cubrir a débeda que deixaron a Fórmula 1 e a Copa América en Valencia, é imposible de entender que se resista a asumir unha obra de interese xeral coma o porto exterior da Coruña e insista en hipotecar os peiraos”, argumenta María García.
Sería necesario reclamar, tamén, que o Estado deixe de eludir responsabilidades e asuma o custo de rehabilitar o edificio do antigo cárcere da Torre, que mantivo descoidado durante anos e polo que agora reclama intereses. E para desbloquear melloras nos trens de proximidade, e a necesaria humanización da avenida de Alfonso Molina, acordada en 2016 co goberno da Marea Atlántica, pero que segue gardada nun caixón.
En definitiva, como resume a nosa portavoz, a alcaldesa Inés Rey debería reclamar o trato que merece A Coruña, como corazón da área metropolitana máis dinámica de Galicia, e chegar a acordos coa Xunta e o Estado que se traduzan en fondos nos Orzamentos de 2023. No Pleno, pedirémoslle que renda contas”.