MAREA DA MOBILIDADE
Palabras dende a Marea da Mobilidade no acto público de Marea Atlántica. Paraninfo da Universidade de A Coruña. 17 de outubro de 2014
[Podes ver e escoitar esta intervención aquí]
Hai xa moito, moito tempo, camiñar era o único xeito de ir dun sitio a outro. Os tempos variaban en función das distancias, por suposto, do que houbese que cargar e da presa, pero sobre todo, da relación que cada persoa ía establecendo polo sitio por onde pasaba.
Co pasar dese tempo, o “progreso” foi traendo outras posibilidades para facer máis rápidos eses traxectos, dende empregar animais con maior forza física e capacidade de carga para transportar cousas dun sitio a outro, até inventar máquinas que mellor permitisen aproveitar a enerxía empregada, diminuíndo os tempos para percorrer as distancias.
Sen embargo, polo camiño foise perdendo algo, e esa íntima relación foi mudando en favor de mellorar as condicións externas para eses novos medios de transporte, ata chegar a un punto no que as chamadas cidades modernas, esqueceron a aqueles e aquelas que os habitaban, poñéndose ao servizo deses medios de transporte, absorbendo así o cada vez máis escaso espazo existente, e adoptando unha especie de imaxe que podería lembrar a unha especie de grandes contedores de vehículos a motor.
Conscentes desta situación, nunha clara aposta por recuperar esa relación da que falabamos ao iniciar esta presentación, a nosa finalidade non é outra que querer recuperar a cidade para quen consideramos corresponde, que non é outra que para a cidadanía, todos e todas nós, que nunca debimos permitir que nos usurpasen ese noso dereito lexítimo a construír a cidade que habitamos.
Cremos que as cidades son e deben ser das e para as persoas, e tamén para os barrios, facéndolle un aceno á nosa compañeira de viaxe, a marea de urbanismo, que acaba de participar nesta reunión, e o facemos completamente convencidos de que unha mobilidade socialmente equitativa e respectuosa con nós e co medio ambiente no que convivimos, implicará facer todo o posible por mudar toda unha serie de prácticas sociais relativas ao uso do automóbil.
Dado que por desgracia, os planexamentos urbanos deixaron de lado ás persoas en favor das construtoras e das empresas de automoción, somos agora nós, as que debemos tomar a iniciativa e reivindicar un protagonismo que por dereito nos corresponde, aportando coa nosa experiencia coma peóns, ciclousuarias, condutores e usuarias do transporte público, cales son as medidas que consideramos deben centrar o eixo dese noso protagonismo, e con elas recuperar a nosa condición de cidadáns, reivindicando con estas propostas a recuperación deses espazos públicos para mellor exercer a nosa cidadanía, xerando espazos compartidos por multitude de persoas que permitan a total accesibilidade daqueles que poidan ter maior dificultade de movementos, pois do que se trata é de rematar coa segregación que impón a configuración actual dos mesmos, e por outra banda, permitir que a cidade sexa de novo un lugar de calidade para os nosos nenos e nenas, para os carriños e cadeiras de rodas e para os bastóns, cando non para as árbores, os paxaros, os insectos ou as plantas.
Por todo isto estamos hoxe aquí, e animamos tamén aos e sobre todo ás que nos escoitan a que cada vez sexamos máis as que queiramos sumar neste proceso, dado que no fondo, permitirá co noso esforzo, achegarmos a ese sentirse orgullosos dun sitio que foi construído e mellorado por ti mesmo, con esa satisfacción colectiva que implica sentirse máis igual que o que tes ao teu lado.
Marcos Ulloa