Saltar ao contido

O pleno municipal aprobou esta mañá unha modificación do planeamento urbanístico no Ofimático. Unha lotaría amañada na que o premio vai para os promotores —nomeadamente Parque Ofimático e Xestur— e a construtora —Acciona—, mentres nada obteñen nin os veciños e as veciñas de San Vicente de Elviña, que están a padecer os desafiuzamentos, nin o conxunto da cidadanía coruñesa.

A modificación aprobada, ademais de inseguridade xurídica —apróbase co informe negativo de ADIF— e incertidume de cara ao seu futuro —conta cunha sentenza anulatoria da contratación e adxudicación da urbanización que, aínda que non firme, si ten moita trascendencia xurídica a curto prazo—, volve poñer sobre a mesa como entende o PP o urbanismo na cidade: como unha ferramenta para planificar en beneficio do interese privado e contra a maioría social.

Outro tanto aconteceu hai unha semana. O pasado luns, a Marea Atlántica entregou no Rexistro Municipal unha proposta de solución ao disparate do Ofimático e o seu enorme impacto social en Elviña, onde unha familia perdeu a súa vivenda o 27 de novembro malia á exemplar resistencia popular encabezada por Stop Desahucios e onde varias máis corren o mesmo risco.

As persoas que traballan na Marea por Outro Urbanismo propoñen prescindir do viaduto previsto sobre Alfonso Molina, excluíndo San Vicente do ámbito afectado polo Ofimático, a cambio de mellorar o nó de comunicacións de Matogrande. Ademais de evitar desafiuzamentos en Elviña, isto suporía un aforro e un maior beneficio para a circulación no conxunto da cidade.

En apenas unhas horas, o goberno municipal apresurouse a desacreditar a nosa proposta a través dun comunicado aos medios de comunicación. Dicía que a solución non era nova, que coincidía coa da promotora do polígono, que era máis cara que a súa e que a consideraba inviábel, pois supoñía modificar o planeamento urbanístico. Quería dicir, claro, que supoñía modificar o planeamento urbanístico en beneficio da maioría social, e iso non entra nos seus plans.

O goberno local está legalmente obrigado a responder a proposta da Marea Atlántica, pero a resposta debe ser distinta á do comunicado, inzado de falsidades. A supresión da ponte supón, efectivamente, a modificación do contrato de Acciona, pero para aforrar os 4 millóns de euros que custaría a obra e para salvar San Vicente de Elviña da súa desaparición. Sorprende que se opoña a un cambio deste tipo e non a outro que estima unha alegación de Acciona sobre o aparcadoiro soterrado. Que se resista a mudar o planeamento urbanístico para evitar desafiuzamentos pero estea disposto a facelo, como aconteceu esta mañá no pleno, para atender intereses privados.

O PP modifica o Ofimático cando a demanda é dos promotores, da Xunta ou da adxudicataria das obras, pero non cando a proposta vén da veciñanza de San Vicente de Elviña, de colectivos cidadáns e da propia Marea Atlántica. Porfía, contra o interese xeral, en executar unha urbanización de 2.400 vivendas nunha cidade con 19.000 baleiras, cun investimento millonario —4 millóns de euros só na ponte e máis de 40 millóns en total— e cun impacto negativo brutal en forma de desafiuzamentos e da práctica desaparición do núcleo de Elviña. O desastre dun modelo urbanístico insostible.

Para servir a que intereses está o Concello disposto a modificar o planeamento urbanístico no Ofimático?