Votamos en contra da aprobación inicial do ordenamento urbanístico desta zona, por considerar que ten marxe de mellora pese a inspirarse no traballo do mandato anterior
Xiao Varela: “O noso goberno deixou un proxecto inicial para o parque, moi limitado polas sentenzas xudiciais e os PXOM do vazquismo e o PP, pero ten marxe de mellora”
O grupo municipal da Marea Atlántica votou en contra hoxe do ordenamento urbanístico para o Parque do Observatorio, levado a Pleno polo goberno do PSOE. Inspírase no proxecto redactado no mandato anterior, dentro dos estreitos límites que deixa o urbanismo vazquista, pero ignora todas as alegacións presentadas tanto pola veciñanza como pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. Por iso instamos ao executivo local a telas en conta na súa proposta definitiva.
Como explicou o concelleiro Xiao Varela na súa intervención, “o noso goberno deixou un proxecto inicial para o parque, moi limitado polas sentenzas xudiciais e os PXOM do vazquismo, pero ten marxe de mellora”. Neste documento, reducíase un 25% a edificabilidade con respecto aos plans urbanísticos aprobados en 2009, polo PSOE e o BNG, e no 2013, polo PP, e protexeuse o Camiño do Pinar, coidando das vivendas que alí existen.
Patrimonio, vivenda protexida e diálogo coa veciñanza
Porén, Varela recoñeceu que este documento tiña marxe de mellora e estaba pendente do seu período de exposición pública e alegacións. De feito, tanto a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta como a veciñanza presentaron emendas “que non foron debidamente atendidas polo goberno municipal, que non parece consciente de que está en minoría e non dialoga nin coa cidadanía nin coa oposición”, en palabras de Varela.
En concreto, Patrimonio sinalou a conveniencia de catalogar o edificio do Observatorio, unha medida que pode e debe facerse. E, aínda que o proxecto inclúe un 40% de vivenda de protección oficial, non se sinala onde estará situada “para evitar que quede desterrada ás peores zonas, e para garantir que as posibles licenzas futuras garantan que se cumpran esas determinacións”. Tampouco fixo a área de Urbanismo nin o mínimo intento de consensuar as demandas da veciñanza, “que son lexítimas e teñen encaixe na legalidade”.
Ademais, Varela recoñeceu que “non serve disimular nin botarlle a culpa ao mandato anterior. Poden celebrar o derrubo viaduto da rolda de Nelle ou as obras na rúa do Rosario, que reciben en herdanza do mandato de Xulio Ferreiro. Pero teñen que resolver tamén a herdanza dos gobernos do PSOE, que é moito peor. Xa non poden vivir de rendas”.
Apoio ás axudas de rehabilitación e ao plan contra incendios
Doutra banda, apoiamos a modificación da ordenanza de axudas para a conservación e rehabilitación de edificios de vivenda, que foi aprobada. Simplifica os trámites e recolle o traballo realizado no anterior mandato, mellorando o importe das axudas ata nun 80%, introducindo criterios de renda para que a xentrificación non expulse dos barrios á veciñanza con menos recursos, e de apoio da rehabilitación enerxética, unha medida de loita contra o cambio climático.
“Cómpre lembrar que 2018 foi o mellor ano das dúas últimas décadas en canto á concesión de axudas á rehabilitación, cun total de 91. Mentres, a Xunta e o Estado reduciron nun 60% a contía das súas subvencións”, sinalou Xiao Varela.
Tamén votamos a favor do Plan de Prevención de Incendios do Concello da Coruña, que sinala as parcelas que deben ser rozadas para reducir a masa forestal combustible. O único punto de mellora que atopamos foi a necesidade de corrixilo para ter en conta o ENIL da Torre e protexer ás especies que alí viven, pero o goberno comprometeuse a facelo a través do plan de conservación do espazo.
“A Coruña fai o seu traballo, mentres a Xunta mira cara outro lado. En lugar de prepararnos para os graves lumes que nos traerá a emerxencia climática, en Galicia planéase aumentar a masa de eucaliptos para contentar a Ence e Greenalia, a empresa onde traballa a ex-conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato”, afirmou a voceira municipal da Marea Atlántica, María Garcia.
As tres mocións da Marea Atlántica foron aprobadas
A nosa proposta para reclamar máis transparencia no proxecto para mellorar o hospital da Coruña, cun investimento público e protexendo as vivendas, foi aprobada por unanimidade. Xiao Varela lembrou que o 28 de xaneiro, 12 días antes das eleccións, Feijóo fixo un anuncio propagandístico, coa complicidade de Inés Rey, e 20 familias souberon pola prensa que poderían perder a súa casa.
“Renovar o CHUAC é necesario, fóra de toda dúbida, pero precisa un proxecto serio, 100% público, e un traballo responsable por parte das administracións, dúas cousas que, polo de agora, a Xunta de Galicia non está a amosar. O único que vimos ata o de agora foi electoralismo, infografías e cambios de opinión cando a veciñanza reclama o seu dereito a ser informada”, afirmou Xiao Varela. E trasladoulle todo o apoio da Marea Atlantica ás representantes da veciñanza afectada que seguiron hoxe o Pleno desde a tribuna do público.
Unanimidade tivo tamén a nosa solicitude dunha mesa de traballo, na que estea presente a veciñanza, sobre o futuro da Cidade das TIC. Como defendeu Claudia Delso, tamén “cómpre saber cal será o destino dos máis de 300 mil metros cadrados edificables do soar de Defensa que non lle van ser cedidos á Universidade para desenvolver a Cidade das TIC e que poden ser, no futuro, urbanizables. Preguntámonos, en definitiva, se, ao abeiro do xa acontecido na Maestranza, Defensa se limitará de novo á súa subasta pública ou se seremos os veciños e veciñas da Coruña os que decidamos sobre o futuro destas parcelas conforme ás nosas necesidades”.
Finalmente, a nosa moción polo dereito a unha vivenda digna foi aprobada co apoio do PSOE e o BNG, o voto en contra do PP e a abstención de Ciudadanos. Como sinalou Iago Martínez, “é necesario tomar medidas ante problemas tan graves como a infravivenda, o senfogarismo, os alugueiros abusivos, os pisos baleiros e o crecemento desmedido das vivendas turísticas, problemas aos que A Coruña non é allea”.
A nosa proposta é instar ao Concello a crear un Observatorio de Vivenda que ofreza datos fiables, axilizar a creación dun banco de vivenda en alugueiro (como acordamos hai xa nove meses), establecer unha moratoria aos pisos turísticos e impulsar as promocións de vivenda pública en San Nicolás, Panadeiras e no Ofimático. E reclamarlle ao Estado e á Xunta que regulen as vivendas baleiras para poder penalizalas a través do IBI, e que aumenten o seu investimento en rehabilitación e vivenda pública.