O investimento do ministerio de Fomento foi practicamente nulo nos últimos cinco anos, e fronte a esta inxustiza debería erguerse unha demanda unánime do Concello
Mantivemos hoxe unha reunión coa Comisión en Defensa do Común, e convidamos a todos os grupos a tomar en consideración a moción que nos trasladaron contra a especulación na Maestranza
O grupo da Marea Atlántica reiterou hoxe, a través do Rexistro municipal, a súa solicitude de convocar un Pleno Extraordinario para debater a situación dos proxectos que o goberno do Estado en xeral, e o ministerio de Fomento en particular, teñen pendentes na cidade da Coruña e que, no canto de avanzar, retroceden.
Como se indica na solicitude presentada hoxe, “o investimento do Estado na Coruña e a súa contorna foi practicamente nulo nos últimos cinco ano”, e fronte a esta inxustiza debería levantarse unha voz unánime da Corporación Municipal. Por iso instamos unha vez máis, ante o mutismo da alcaldesa, a convocar este Pleno Extraordinario para que todos os grupos poidan debater e consensuar unhas serie de demandas para trasladarllas á Moncloa.
“A visita á Coruña do ministro de Fomento, José Luis Ábalos, foi extremadamente preocupante. Non só non fixo referencia a ningún dos moitos proxectos pendentes que o seu departamento en particular, e o Goberno do Estado en xeral, teñen na cidade e en toda a área metropolitana, evitando ademais calquera reunión co goberno municipal, senón que deixou sen resposta unha moi mala noticia: agora ADIF atópalle problemas ao convenio para a construción da Intermodal e presenta novas demandas, a pesar de que en xuño a alcaldesa e o delegado do Goberno, Javier Losada, prometeran cun gran despregamento propagandístico que a licitación era inminente”, sinala o texto rexistrado hoxe.
A maiores da Intermodal, seguen pendentes a condonación da débeda da Autoridade Portuaria, a conexión ferroviaria con Punta Langosteira, a humanización da avenida de Alfonso Molina, o saneamento da Ría do Burgo… A Coruña merece respecto para que todos estes proxectos deixen de estar pendentes.
Moción da Comisión en Defensa do Común
Doutra banda, o grupo municipal da Marea Atlántica mantivo hoxe un encontro con representantes da Comisión en Defensa do Común (CADECO), que trasladou unha moción para ser debatida no vindeiro Pleno Ordinario do mes de febreiro, relativa á venda dos terreos do Ministerio de Defensa no Campo da Estrada, na Maestranza.
Esta operación especulativa, consumada con opacidade e co preocupante silencio do goberno municipal, está destinada á construción de vivenda ás portas da Cidade Vella, unha zona na que sobran pisos baleiros e faltan espazos públicos. Pon ademais en risco os xacementos arqueolóxicos documentados baixo estas parcelas. Polo tanto, convidamos a todos os grupos municipais a tomar en consideración esta moción conxuntamente no Pleno.
Lembramos, ademais, que o deputado Xan Xove rexistrou unha iniciativa no Parlamento de Galicia para esixirlle á Xunta que faga o seu traballo e aumente a protección BIC da que gozan as murallas históricas da Coruña ata o Campo da Estrada. Deste xeito, entraría en vigor unha suspensión de licenzas e sería posible evitar a operación inmobiliaria.