Cun único deputado provincial, impulsamos seis das quince mocións debatidas entre abril e xuño, o 40% do total
Alberto Lema: “Temos a obriga e o compromiso de empregar todos os recursos da nosa representación institucional para darlle voz ás loitas sociais”
A Marea Atlántica volveu ser o grupo que máis mocións presentou e defendeu no Pleno da Deputación da Coruña no segundo trimestre do ano 2022, como xa o foi no conxunto de 2021, segundo o Informe Trimestral da Actividade nas Sesións Plenarias publicado pola propia institución provincial. Deste xeito, presentamos seis iniciativas políticas entre as quince que se debateron entre abril e xuño, o dobre que calquera outro grupo. O PP impulsou tres mocións, as mesmas que PSOE e BNG conxuntamente, ás que hai que sumarlles dúas do Partido Socialista en solitario e unha de Alternativa dos Veciños-
A Marea Atlántica, cun único representante, Alberto Lema, presentou o 40% das mocións que chegaron ao Pleno, duplicando o traballo realizado polo Partido Popular con 13 representantes. E máis que os partidos que sosteñen ao goberno, PSOE BNG. Como sinala Lema, voceiro provincial da Marea Atlántica, “aló onde teñamos unha representación institucional aproveitaremos todos os recursos para darlle voz ás maiorías sociais e ás loitas colectivas, é a nosa obriga e o noso compromiso coa cidadanía”.
Compromiso cos dereitos
Así, entre as propostas que levamos á Deputación no último trimestre estivo a memoria do cabodano do asasinato homófobo de Samuel Luiz Muñiz na Coruña (que se converteu en Declaración Institucional unánime. E tamén o apoio ao sector do metal na Coruña, durante a folga que mantivo no mes de maio para reclamar os seus dereitos laborais, ou a iniciativa do Movemento Galego pola Vivenda pública para pedir un maior compromiso institucional co dereito a un teito. Ambas as dúas iniciativas foron aprobadas co único voto en contra do PP.
Reclamamos tamén a reprobación de Juan Carlos de Borbón polo seu comportamento escasamente exemplar como Rei Emérito, negándose a render contas polos delitos que se lle imputan mentres anda de regatas, iniciativa que foi rexeitada por PP e PSOE. E denunciamos tamén a traizón do goberno español ao pobo saharauí ao aliñarse co posicionamento de Marrocos, en contra da legalidade internacional e os dereitos humanos.