A Xunta de Galicia debe actuar de oficio e iniciar xa os trámites para declarar o edificio como Ben de Interese Cultural
A Marea Atlántica felicita ao Instituto Cornide de Estudos Coruñeses, ao seu presidente, Xosé Antón Fraga, e ao historiador Emilio Grandío, polo informe sobre a Casa Cornide presentado esta mañá. Un traballo completo e necesario que detalla todo o proceso fraudulento polo que este inmoble patrimonio da Coruña rematou en mans da familia Franco.
“O informe pon en evidencia, de xeito moi claro, que estamos ante un novo espolio dos Franco, que debe ser combatido e corrixido. Demostra como as elites franquistas retorceron a lei e se valeron das institucións para que a Casa Cornide chegase a mans da familia do ditador”, sinala o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martinez.
Nesta situación, e sendo público que os Franco veñen de poñer á venda o edificio a través dun portal inmobiliario, temos que lamentar e denunciar a pasividade da Xunta de Galicia. “O proceso iniciado no Concello da Coruña no pasado mandato e continuado polo goberno actual é positivo, pero ten prazos dilatados. Se queremos poñer obstáculos á especulación, é a Xunta quen ten ferramentas para actuar con maior rapidez”, engade Iago Martínez.
Reiteramos a nosa petición á Xunta de Galicia, administración competente en materia de protección do patrimonio, para que inicie de oficio os trámites para declarar a Casa Cornide como Ben de Interese Cultural (BIC). Primeiro, porque os estudos non deixan lugar á dúbida: o inmoble merece esta catalogación. Segundo, porque unha vez comecen os trámites administrativos, o edificio xa contaría cun certo grao de protección que desanimaría a súa venda no mercado inmobiliario.
Unha fraude de lei para roubar o patrimonio da Coruña
Cómpre lembrar que a Casa Cornide, fogar natal do humanista coruñés José Cornide, foi adquirida polo Concello da Coruña durante a ditadura e, en fraude de lei, ‘agasallada’ á familia Franco. Ademais do informe coñecido hoxe, os historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo fixeron pública unha carta do secretario de Franco na que se recoñece todo o amaño.
Por iso, non pode consentirse que os Franco queiran desfacerse do edificio, facendo caixa con el no mercado inmobiliario en lugar de devolverllo á cidade da Coruña para a súa protección e posta en valor. Coma no caso do Pazo de Meirás, é necesario que as institucións e a sociedade civil esgoten todos os recursos para recuperar o roubado.