PP e PSOE suman votos para darlle a ADIF milleiros de metros cadrados de usos comerciais na Intermodal sen nada a cambio. Unha vez máis, o goberno local impide que se vote unha emenda nosa coa intención de corrixir este abuso
As nosas mocións reclamando que se cumpran os compromisos en políticas de vivenda e transparencia no contrato de parques e xardíns resultaron aprobadas
Inés Rey segue sen posicionarse en contra da venda de solo nos peiraos de San Diego para facer caixa coa escusa da débeda da Autoridade Portuaria. “O silencio da alcaldesa é moi preocupante, tendo en conta que mañá vai ir a Santiago a reunirse con Alberto Núñez Feijóo e José Luis Ábalos para consumar a especulación dos peiraos”, denunciou a nosa voceira, María García.
O PSOE e o PP uniron votos para cambiar os acordos da moción que presentamos hoxe, eliminando o rexeitamento explícito á venda dos terreos de San Diego. Recuperan os acordos aprobados por unanimidade en decembro, os mesmos que desde a Marea seguimos apoiando, pero que estes partidos esquecen en canto se meten nunha xuntanza a porta pechada. “Queren distraernos coa apertura dos peiraos do centro para pasear, mentres privatizan en San Diego, esquecendo os usos produtivos. Non vai funcionar”, advertiu García.
Pero desde que se aprobou esa moción, tanto o presidente de Puertos del Estado, Francisco Toledo, como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediron moi claramente que se privaticen os peiraos de San Diego para facer pisos á beira do mar e renuncian á condonación da inxusta débeda da Autoridade Portuaria. No caso de Feijóo, díxoo diante dunha Inés Rey en completo silencio. A alcaldesa segue sen despexar a súa postura sobre a privatización dos peiraos, e nin sequera estivo presente no Salón de Plenos durante este debate.
“Pedímoslles que respecten os acordos aos que chegamos aquí, no Parlamento de Galicia e na Deputación da Coruña, que os defendan mañá ante o ministro Ábalos. Que reclamen a conexión ferroviaria do porto exterior e a condonación da débeda do porto. Así se fixo en Valencia, onde as forzas políticas propias si tiñan claro que había que defender o interese xeral e conseguiron unha solución política a unha débeda que hipotecaba a cidade”, resumiu María García.
E se falamos de interese xeral no Concello da Coruña, hai que lembrar, por certo, que tamén inclúe a aprobación duns Orzamentos 2021, un novo plan de rescate fronte á pandemia, coñecer a liquidación de 2020 e o estado financeiro real do Concello, aprobar os convenios coas entidades… Nada disto ofreceu hoxe Inés Rey.
Un agasallo para ADIF na Intermodal
O único asunto que o goberno local trouxo a este Pleno foi unha modificación do planeamento urbanístico na Sardiñeira para facer posibles as obras da estación Intermodal. A proposta, positiva en termos xerais e herdeira do traballo do goberno de Xulio Ferreiro, chega acompañada dun convenio, aínda sen asinar, no que se incrementan os metros cadrados para usos comerciais na parte ferroviaria, a beneficio do ADIF. Tentamos emendala, pero unha nova cacicada de Inés Rey evitou que a nosa proposta fose votada.
Como xa denunciamos, prémianse os atrasos do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias con 5.100 metros cadrados de aproveitamento lucrativo, e un mínimo doutros 7.500 m2 (o equivalente ao 50% da edificabilidade construída da estación) para usos ferroviarios complementarios (en realidade terciarios: comerciais, industriais, etc), cos que facer negocio. Ningún destes usos se contemplaba no borrador de convenio que o goberno da Marea Atlántica presentou en 2018, por iso presentamos unha emenda para eliminalos.
“A estación ten que centrarse na mobilidade, e as infraestruturas ferroviarias xa contan con espazo para usos comerciais, non precisan máis. Non repitamos os erros que cando se permitiu nesta cidade a proliferación de centros comerciais que agora son ruínas, pero que antes arruinaron aos pequenos negocios”, lembrou Iago Martínez. Fica claro que Inés Rey lle vai dar ao Estado todo o que pida, igual que no porto.
O noso vicevoceiro, Iago Martínez, denunciou que toda a tramitación deste expediente “foi unha innegable chapuza, engadindo o convenio por correo electrónico hora e media antes da Comisión de Urbanismo, facendo cambios de xeito oral e, onte mesmo, 24 horas antes do Pleno, autoeméndanse cun convenio con cambios e novos informes. Como pode tratarse así un asunto tan importante?”.
Ademais, dun xeito difícil de entender, esta autoemenda do goberno votouse antes que a presentada polo noso grupo e recibiu o apoio só do PP e PSOE, impedindo mesmo a votación da nosa proposta.
Tendo en conta que a proposta do executivo non alteraba o contido substantivo e a nosa si, e para evitar a indefensión da oposición, o lóxico tería sido votar a nosa emenda primeiro. Pero a calidade democrática segue en retroceso en María Pita. De todos modos, abstivémonos na votación para non obstaculizar unha infraestrutura decisiva na nosa cidade, é que xa acumula demasiado atraso desde que Inés Rey e Javier Losada prometese unha “licitación inmediata” en xuño de 2019.
Acordos polo dereito á vivenda e as zonas verdes
Finalmente, o noso grupo municipal logrou a aprobación das dúas mocións presentadas polo dereito á vivenda e pola transparencia no servizo de parques e xardíns, a primeira por unanimidade e a segunda coa única abstención do goberno municipal.
Iago Martínez lembrou que Inés Rey leva dous anos incumprindo sistematicamente todos os acordos en materia de vivenda, e reclamou “políticas polo dereito a un teito, non polo beneficio das grandes promotoras”. Lembrou, ademais, que no 2015 o importe medio do prezo de aluguer na Coruña foi de 414 euros/mes, e de 520 euros/mes en 2020, un 25% máis en cinco anos.
Dous anos despois, seguimos agardando por un Plan de Vivenda neste Concello, mentres todas as iniciativas que se poñen en marcha son herdanza da Marea Atlántica, como en Pontejos, ou mandatos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para resolver o enorme desastre do edificio Conde de Fenosa.
Pola súa banda, María García pediulle ao executivo local que se preocupe polas zonas verdes, “que son benestar para a veciñanza e defensa contra a emerxencia climática”. Reclamou transparencia cara o futuro, facendo públicos os pregos do novo contrato de parques e xardíns, que se renovará en xuño, escoitando as achegas do persoal do servizo.
E esixiu, tamén, transparencia cara o pasado, explicando en que se investiron os 6,6 millóns de euros reservados en 2019 e 2020 para melloras nas zonas verdes. “Son fondos que están no contrato, e que o goberno de Xulio Ferreiro empregou en aumentar un 10% o arborado, en crear áreas caninas ou hortas urbanas, pero o PSOE non explica en que os gastou… se é que os gastou. Non lles dá vergoña malgastar recursos mentres se queixan da situación financeira do Concello?”, sinalou García.