Saltar ao contido

María García denuncia que a banda está sen dirección nin subdirección nin xerencia, que carece de apoio administrativo e que padece baixas que lle impiden actuar con normalidade

Rexistraremos unha serie de preguntas ao goberno local, para coñecer o estado dos compromisos pendentes coa formación musical


A Marea Atlántica urxe á alcaldesa Inés Rey, nova responsable da área de Cultura, a cambiar radicalmente de actitude, atender as demandas da Banda Municipal de Música e poñer solución aos problemas que arrastra desde hai tempo. Despois de quince meses de desastrosa xestión do goberno do PSOE nesta materia, é hora de tratar á Banda Municipal co respecto que merece a súa calidade, o seu persoal e os seus máis de 73 anos de historia. Neste sentido, anunciou o rexistro dunha serie de preguntas de resposta escrita sobre a situación real da Banda e os compromisos que se lle deben.

A voceira e o vicevoceiro da Marea Atlántica, María García e Iago Martínez, mantiveron hoxe unha reunión con representantes desta formación musical, para recoller as súas demandas e coñecer de primeira man a súa situación. “Constatamos que a destitución de Jesús Celemín como edil de Cultura non mellorou a situación e que os problemas son exactamente os mesmos que o primeiro día de mandato. A banda segue sen dirección, sen subdirección, sen xerencia, sen apoio administrativo, sen un proxecto artístico estable e con prazas sensibles sen cubrir entre o persoal persoal artístico, o que está a provocar múltiples dificultades e a cancelación de concertos”, sinala María García.

“As reclamacións da Banda de Música, xustas e sensatas, teñen todo o noso apoio. Reclamamos que se cubran canto antes as prazas vacantes, comezando pola de dirección e os instrumentos máis necesarios”, explica a nosa voceira. Iago Martínez, membro ademais do Consorcio para a Promoción da Música, o ente que xestiona a Orquestra Sinfónica, fai ademais un chamamento a “buscar fórmulas alternativas de xestión que se adapten mellor ás necesidades da formación”. Ambos denunciaron, ademais, que os profesionais e as profesionais da banda “están a recibir un trato pouco digno” por parte do goberno local, moi lonxe do que debería ter o seu excelente labor de promoción e divulgación da música.

Quince meses de desinterese

O 17 de xuño a Banda emitiu un duro comunicado amosando o seu “profundo desacordo co proceso de selección para a escolla do novo director”, lanzada en precario polo Concello e sen incluír unha proba práctica. Uns días antes, a Marea Atlántica tamén denunciara a situación, e a suma das protestas serviu para que o goberno municipal anulase o proceso en marcha e abrise un novo, pero non para que o resolvese. A marcha do anterior director, Juan José Ocón, consumouse en marzo e era coñecida antes. Advertiuno María García nunha visita aos ensaios en marzo, pero o equipo de Inés Rey foi incapaz de actuar con previsión. Os problemas seguiron acumulándose e empeorando

O pasado 10 de setembro, a Banda Municipal de Música emitiu un novo comunicado, revelando que tivo que cancelar os seus dous últimos concertos porque o Concello non está a cubrir as baixas: “A nosa plantilla xa é de por si escasa, o que leva a que ante calquera mínimo contratempo nos vexamos na imposibilidade de realizar os nosos concertos”, sinala o texto, no que tamén denuncian a desatención por parte do goberno local. Ese mesmo día, no Pleno, o concelleiro Jesús Celemín fachendeaba do ben que o estaba a facer na súa relación coa Banda.

Quince meses sen políticas culturais

O absoluto desinterese amosado polo goberno municipal cara a banda de música é todo un símbolo dos últimos quince meses de xestión da Área de Cultura, que María García resume “nunha total falta de ideas, iniciativa e diálogo co sector, que non se pode disimular con propaganda”. A pesar das reiteradas propostas e chamamentos ao diálogo realizadas pola Marea Atlántica, o goberno teima en non escoitar e os resultados son decepcionantes, moi por debaixo do que require un sector como o da Cultura, un dos máis afectados pola crise da COVID-19.

Cómpre lembrar que o balance dos últimos meses se resume, en poucas palabras, nun recorte de 700.000 euros no IMCE, na desaparición das convocatorias abertas Xerminal e Cultura de Barrio (incluídas no pacto orzamentario entre a Marea e o PSOE) para ser substituídas por contratos a dedo, a paralización do contrato para a compra de libros nas bibliotecas municipais, moi cuestionado polas librarías e aínda pendente, e na absoluta falta de autocrítica.

Inés Rey ten que rectificar e atender á Banda de Música co respecto que merece