Saltar ao contido

Esixímoslle ao goberno local que recapacite e poña en marcha un Plan polo Dereito á Vivenda, como levamos dous anos pedíndolle, en lugar de poñer o Concello ao servizo da patronal dos pisos en alugueiro turístico

Mentres outras cidades como Barcelona están intentando reducir as vivendas turísticas, o PSOE da Coruña ponlles facilidades para instalarse 

A Marea Atlántica esíxelle a Inés Rey que recapacite e poña en marcha un Plan polo Dereito á Vivenda, como levamos dous anos pedíndolle co respaldo maioritario da Corporación, en lugar de poñer o Concello ao servizo da patronal dos pisos en alugueiro turístico, un modelo cun tremendo impacto negativo nas cidades. Tras coñecer pola prensa que o goberno local, a través do Consorcio de Turismo, está a negociar un posible convenio coa Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga), queremos expresar o noso total rexeitamento a esta fórmula. 

Xa é malo abondo que Inés Rey careza de políticas para protexer o dereito a un teito, non sendo as iniciativas para construír vivendas sociais en Pontejos, herdada da Marea Atlántica, ou en Xuxán, obrigada por mandato xudicial tras a desfeita do edificio Conde de Fenosa. Pero fomentar os alugueiros turísticos é un enorme erro, pois só serve para inchar o prezo dos alugueiros da vivenda e expulsar á veciñanza dos barrios. 

Ademais, as vivendas turísticas adoitan traer problemas de regulación e convivencia nos barrios, así como competencia desleal ao sector hoteleiro. Resulta paradoxal que, mentres cidades como Barcelona están a loitar para reducir a presenza deste modelo nas súas rúas, Inés Rey pense en abrirlle a porta. 

Lembramos que, durante os dous últimos anos, estivemos a propoñerlle ao partido socialista un Plan de Vivenda na Coruña, con medidas coma unha bolsa de alugueiro social amparada polo Concello. Nunca tivemos resposta, e lamentamos que o executivo local camiñe xusto na dirección contraria, a de protexer o negocio dos alugueiros turísticos antes que os dereitos da veciñanza. 

Lamentamos que a política de vivenda de Inés Rey pase por fomentar o negocio dos pisos turísticos para inchar prezos e expulsar á veciñanza