Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Traslada os fondos do mandato anterior para a recuperación desta simbólica parte do bordo litoral, e destínaos a pagar a sentenza as expropiacións irregulares de Elviña

Había posibilidades de procurar outros medios de pago, pero o executivo local renunciou a exploralos, nunha mestura de imprudencia e exceso de confianza

O grupo municipal da Marea Atlántica amosa a súa sorpresa por descubrir, hoxe mesmo, que o goberno de Inés Rey pretende retirar 1,4 millóns de euros reservados para que o Concello da Coruña adquirise os terreos da Solana –unha herdanza do mandato de Xulio Ferreiro– e empregalos para pagar unha parte da sentenza polas expropiacións irregulares de Elviña –unha herdanza do mandato de Francisco Vázquez–.

O goberno local cometeu a imprudencia de incluír esta sentenza como obriga de pago nos Orzamentos 2020, unha decisión libre e unilateral do equipo de Rey, que agora ten que facerse cargo das consecuencias do seu exceso de confianza. Había outras alternativas, como negociar un plan de pago en condicións favorables, ou recorrer a crédito, pero negáronse a exploralas. Na súa presa por liquidar a herdanza vazquista, xa sabíamos que ían enterrar case todo o aforro do Concello. Agora tamén sabemos que renuncian a unha parte máis que simbólica da recuperación do bordo litoral da Coruña.

Cómpre lembrar que, desde a Marea Atlántica pedímoslle ao executivo local que consultara ao Ministerio de Facenda se existía algunha posibilidade de adiar ou renegociar o pago das consecuencias do desastroso urbanismo de anteriores gobernos do PSOE. Non o fixeron.

Doutra banda, o goberno convocou está mañá unha Xunta de Goberno Local, avisando só con tres horas de antelación. Nela aprobouse a licitación da reforma da antiga cafetería O Remanso, en Catro Camiños e adxudicación das obras de mellora no cemiterio de San Amaro, financiadas con fondos europeos EIDUS. Dúas actuacións positivas para a cidade, deseñadas e financiadas no mandato anterior. Esta é a herdanza da Marea Atlántica.

Inés Rey renuncia a adquirir os terreos da Solana para pagar a nefasta herdanza vazquista