Prometera licitar 363 novos contratos por valor de 534,4 millóns de euros, e quedou en 131 contratos e 106 millóns. Nin sequera foi capaz de sacar adiante o de Nostián
Iago Martínez: “Inés Rey volve prometer outro plan de contratación fastuoso para 2021 que non vai cumprir, mentres deixa esmorecer a hostalaría, a cultura e o comercio”
O grupo municipal da Marea Atlántica denuncia que Inés Rey non foi quen de cumprir nin o 20% do Plan de Contratación que anunciara para o ano 2020 cun gran despregue propagandístico. Prometera licitar 363 contratos por valor de 534,4 millóns de euros, e rematou o ano con 131 contratos por 106 millóns, un 19,8% do previsto, segundo os datos oficiais aos que puido acceder a Marea Atlántica ao abeiro do dereito de acceso á información dos cargos electos que estebelece a Constitución.
Para Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica e membro da Comisión de Facenda, “para esta alcaldesa, a propaganda sempre é o primeiro e sempre vai moi por diante da acción de real de goberno. Lonxe de aprender dos erros, hoxe volvemos ver anuncios doutro fastuoso Plan de Contratación para 2021 que tamén vai incumprir, mentres deixa que esmorezan a hostalaría, a cultura e o pequeno comercio. En plena pandemia, coa crise en marcha, A Coruña merece outra cousa”.
O Plan de Contratación 2020 foi presentado o 24 de abril de 2020, nas primeiras semanas da pandemia, e Inés Rey vendeuno como “unha peza clave na reactivación económica e na xeración de emprego”. Foi unha manobra publicitaria ben tramposa, xa que vendía coma novos investimentos actividades rutineiras do Concello e contratos herdados da Marea Atlántica, como a recollida de lixo e a limpeza das rúas.
Boa parte do incremento prometido se fiaba á renovación do contrato da planta de Nostián, de 299 millóns. Un contrato que recibiron case listo en xuño de 2019 e que segue gardado nun caixón, causando problemas laborais e de funcionamento na xestión da planta de residuos, así coma un grave retroceso na recuperación de envases, que pasou da excelencia no mandato anterior á parálise do actual.
Cando presentou o Plan de Contratación de 2020, Inés Rey asegurou que “reflicte a xestión, a capacidade de planificación e a transparencia do goberno”. Niso tiña razón, pois amosouse incapaz de cumprir as súas propias previsións inchadas, exactamente igual que co Orzamento 2020, (o grao de execución máis baixo dos últimos cinco anos) e co plan de axudas Presco 2020, (con centos de solicitudes sen resolver). En canto á “transparencia” a alcaldesa, chega con dicir que todos estes datos que citamos foron ocultados polo goberno, e só se coñecen porque a Marea Atlántica preguntou por eles e fíxoos públicos.
Vai rematar o mes de abril sen novos Orzamentos, sen renovar o Presco, sen asinar e amplíar os convenios co terceiro sector, e sen coñecer a situación económica real do Concello. Pero a propaganda segue a ser o primeiro na axenda de Inés Rey.