Saltar ao contido

Inés Rey convoca unha Xunta de Goberno sen unha soa medida para paliar a crise, pero na que pretende iniciar un contrato dun millón de euros en propaganda, o dobre que no mandato anterior. Esixímoslle que o retire. 

María García: “Estamos moi preocupadas pola falta de reacción da alcaldesa e o seu equipo. É urxente actuar mentres cada día máis fogares e negocios locais quedan sen ingresos” 

O goberno municipal leva quince días sen convocar á Marea Atlántica para avanzar no Plan de Choque Social contra a crise do COVID19, e sen dar pasos adiante. Ningunha medida foi ao Pleno do 14 de maio, e ningunha medida irá á Xunta de Goberno Local convocada para este mércores. O que si pretende facer Inés Rey nesta XGL é acelerar un novo contrato de propaganda dotado cun millón de euros, o dobre do que gastaba o goberno de Xulio Ferreiro cun contrato herdado do PP. “Que a única medida durante a peor crise deste século sexa duplicar o gasto en publicidade é intolerable, e esixímoslle que retire ese contrato e dedique eses fondos a medidas sociais e de emprego”, afirma a nosa voceira, María García.

“Mentres as negociacións están paralizadas, o goberno toma decisións unilaterais como multiplicar por dous o gasto en publicidade. Parece que non lles preocupa poñer en marcha medidas reais, só anuncialas con aires de precampaña”, engade García.

A última xuntanza bilateral entre a Marea e o PSOE foi o 4 de maio, e nada se sabe da batería de propostas que trasladamos daquela para adaptar o Orzamento á actual situación de emerxencia. A última Comisión de Facenda foi o 11 de maio, e non supuxo ningún avance. En palabra de García: “Estamos moi preocupadas pola falta de reacción de Inés Rey e o seu equipo, que se atopan nunha parálise difícil de xustificar mentres moitos fogares e negocios quedan sen ingresos. Actuar é urxente”.

Na Xunta de Portavoces do Concello, celebrada hoxe, non houbo ningún tipo de novidade ao respecto, ao igual que nos últimos quince días, a pesar de que o goberno municipal recibiu o 18 de marzo as primeiras propostas da Marea Atlántica, e a oposición non deixou de presentar outras desde aquela. María García instou á alcaldesa a reaccionar, retomar as negociacións e activar canto antes un programa de rescate social, protección do emprego e reactivación económica xusta.

De igual modo, no último Pleno, celebrado cando o estado de alarma cumpría dous meses en vigor, non se levou un só asunto relacionado coa pandemia e a crise que está a causar. Inés Rey só se apurou a pagar os 12 millóns de euros que deixou en herdanza o PSOE de Francisco Vázquez polas expropiacións de Elviña. Mentres a desaparecida concelleira de Emprego, Eva Martínez Acón, quen non tomou unha soa medida mentres se destrúen mil postos de traballo diarios, tivo a ocorrencia de botarlle a culpa á oposición da demora do seu propio goberno.

Un Plan que só existe na publicidade

O único ao que se está a dedicar o executivo local, ademais de administrar a peor herdanza de Vázquez, é a lanzar campañas de publicidade que anuncian medidas que nin sequera están deseñadas. Polo de agora, non aclararon canto levan gastado en autopromoción enganosa, pero na Xunta de Goberno de mañá Inés Rey quere dedicar un millón de euros a publicidade, algo intolerable nesta crise. É unha decisión unilateral, tomada mentres está en marcha unha negociación para adaptar o Orzamento á emerxencia do COVID19, nun intento intento de blindar o gasto publicitario. Nesa negociación, a Marea Atlántica propuxo reducir o gasto en propaganda para incrementalo en medidas sociais e de reactivación económica. Esta é a resposta do goberno.

Para empeorar o que xa é unha mala idea, o goberno do PSOE ten a intención de centralizar o gasto publicitario nunha única empresa, sen posibilidade de reparto. Unha labazada para o sector do deseño, integrado maioritariamente por autónomos e micropemes.

“Temos toda a vontade de chegar a acordos, é o que precisa A Coruña e o que está á altura da súa xente, pero é imposible se o goberno non fai o seu traballo e responde así, duplicando unilateralmente o gasto en propaganda, ás propostas e peticións da oposición”, lembrou María García. Mentres outros concellos como Santiago, Lugo ou Ferrol, ou Sada e Arteixo nesta mesma comarca, están a poñer en marcha os seus plans de axuda, na Coruña o goberno municipal non reacciona, tal e como denunciaron esta mesma semana as asociacións de comercio a través dos medios de comunicación.

 

Inés Rey duplica o gasto en propaganda en plena pandemia mentres ten parado o Plan de Choque Social