Saltar ao contido

María García: “En lugar de botarlle a culpa ao funcionariado, a alcaldesa debería asumir os seus propios erros e dar a cara para evitar que se repitan”

O goberno tiña ata 30 veces máis fondos dos necesarios para ampliar os convenios coas nosas emendas, pero ducias de entidades sociais tiveron que agardar catro meses para recibir axuda en plena crise 


A Marea Atlántica celebra que, tal e como lle pediu o noso grupo, Inés Rey renuncie a presentar recurso e acate a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 4 da Coruña, que a condena por vulnerar dereitos fundamentais da oposición ao impedir o debate de emendas no pleno do 24 de febreiro. Pero temos que lamentar que pretenda descargar en “informes técnicos” unha decisión puramente política.

Para a nosa voceira, María García, “é difícil de entender que lle bote ao funcionariado as culpas dunha decisión na que se conculcaron dereitos, que rematou en condena xudicial e da que a alcaldesa é a única responsable. Debería dar a cara e asumir os seus propios erros, para evitar que volvan repetirse ”. 

García explicou, ademais, que non é certo que admitir emendas fose atrasar a tramitación dos convenios con entidades sociais, “máis ben é o contrario, nós propuxemos amplialos con 340.000 euros para chegar a máis colectivos, pero tiveron que agardar catro meses, en plena crise, para recibir a axuda do Concello”. 

Como demostraron posteriormente os datos de execución orzamentaria, o goberno local tiña dispoñibles ata 30 veces máis recursos dos necesarios para aceptar a nosa proposta de estender os convenios. O problema real parece estar en que a nosa proposta inicial era reducir os fondos propaganda para trasladarllos ao tecido asociativo. 

A alcaldesa impediu que o secretario dese o seu criterio

En resumo, non existe ningún informe que recomendase nin amparase vulnerar o artigo 23 da Constitución e impedir o labor da oposición. O que ocorreu foi máis ben o contrario: Inés Rey impediu que o secretario se pronunciase no Pleno sobre a inadmisión das emendas. Así o recolle a sentenza: a maxistrada aféalle á alcaldesa que silenciase ao habilitado nacional quen, por certo, nun informe posterior sinalaba que o dereito das concelleiras a presentar emendas debería ter prevalecido sobre calquera outro criterio. 

O “informe técnico” ao que se refire a alcaldesa nas súas declaracións públicas é un documento da Oficina Orzamentaria, que en ningún caso se pronunciaba sobre a admisión ou inadmisión das emendas, algo que só poderían facer a Asesoría Xurídica ou a Secretaría Xeral do Pleno. Dous órganos que o goberno local evitou consultar. 

Celebramos que Inés Rey acate a sentenza por vulnerar dereitos fundamentais, pero lamenta que culpe ao persoal técnico dunha decisión política