Saltar ao contido

A Ordenanza de Igualdade do Concello da Coruña incúmprese sistematicamente

Entre outras cuestións, non se ampliaron os recursos para vítimas de violencias machistas, non se introducen cláusulas de igualdade na contratación municipal, nin se convocou o Consello Municipal de Igualdade para facilitar a participación do movemento feminista

Reclamamos a convocatoria da Comisión de Seguimento prevista na ordenaza, que non se reuniu nin unha soa vez no que vai de mandato


A Ordenanza de Igualdade do Concello da Coruña, deseñada durante o mandato de Xulio Ferreiro, foi aprobada en Pleno o 3 de outubro de 2019, como parte dos acordos que asinaron a Marea Atlántica e o PSOE para facer posible a investidura de Inés Rey. Desde aquel día, en lugar de aproveitar unha normativa pioneira en materia de políticas feministas, o goberno municipal está a incumprila sistematicamente. Por iso, reclamamos que se convoque a Comisión de Seguimento prevista na ordenanza, para analizar os incumprimentos e a forma de corrixilos. 

Entre as carencias máis graves, non se está a reforzar os recursos dispoñibles para atender ás vítimas de violencias machistas, con listas de agarda no CIM de ata dous meses

Tampouco se están a ter en conta os fomento da igualdade de xenénero nas contratacións nin nas subvencións municipais. A ordenanza indica que aquelas empresas que acrediten medidas de conciliación e un esforzo para reducir a brecha entre homes e mulleres deberían ter mellores puntuacións nestas convocatorias. 

En 19 meses de mandato non se fixo un só esforzo para levar a perspectiva de xénero a todas as áreas de goberno, non se elaborou un Plan de Igualdade nin se fixo ningún estudo da situación na cidade. Os programas de igualdade e prevención das violencias machistas foron tamén eliminados da oferta de Coruña Educa. 

Longa lista de acordos incumpridos

Máis alá da Ordenanza de Igualdade, o PSOE acumula varios incumprimentos dos acordos asinados coa Marea Atlántica, ao comezo do mandato. Non se creou a Casa das Mulleres Marcela e Elisa para centralizar os servizos e recursos de Igualdade, pese a que o Orzamento ten fondos para redactar o proxecto. Como tampouco se aproveitaron os 50.000 euros para continuar coa Escola de Empoderamento Feminista, que no mandato anterior ofreceu formación e conferencias de figuras como Silvia Federicci.

Tamén quedou esquecida a creación do Observatorio de Igualdade na Coruña, desaproveitando 432.000 euros de fondos europeos FEDER conseguidos pola Marea Atlántica. E, en materia de conciliación segue pendente o novo contrato do Servizo de Axuda a Domicilio e o impulso dun programa de lavandería para persoas maiores. Está moi claro que a Igualdade non é prioritaria para o goberno de Inés Rey.