Alberto Lema: “Estamos radicalmente en contra de fomentar os pisos turísticos na Coruña, polo seu impacto negativo nos barrios e o escaso retorno para a cidade”
As malas novas da marcha da Mobile Week a Ourense e a rescisión do acordo con Vueling en Alvedro amosan que o PSOE non é quen de manter os avances do pasado mandato
O representante da Marea Atlántica no Consorcio de Turismo, Alberto Lema, lamentou hoxe que o goberno de Inés Rey deixe escapar eventos e acordos conseguidos no mandato anterior, como é o caso da Mobile Week, que marcha a Ourense. O concelleiro foi moi crítico coa rescisión anticipada do contrato coa aeroliña Vueling, “a crónica dun fracaso anunciado de graves consecuencias para A Coruña, no que o goberno foi incapaz de renovar o acordo con Vueling para garantir a súa presenza en Alvedro. O voo con Londres parece definitivamente perdido, e a única reacción do executivo é xustificar os intereses da empresa”.
Doutra banda, o goberno local presentou a súa proposta de asinar un convenio coa patronal dos pisos turísticos, que contou coa nosa oposición frontal. En palabras de Lema, “estamos radicalmente en contra de empregar este modelo para aumentar a oferta de camas da Coruña. Trátase dun modelo que explota á cidade sen deixar case retorno, que deteriora os barrios, explota vivendas que deberían ser para garantir dereitos da veciñaza, e supón competencia desleal para os hoteis”. Xa o anunciaramos estas semana, e hoxe reiteramos a nosa oposición.
O retroceso en Alvedro
O impacto da pandemia no aeroporto de Alvedro foi considerable, e viuse agravado pola falta de proxecto do goberno de Inés Rey. Segundo os últimos datos, o aerógromo medrou en abril un tímido 4,5% con respecto a 2020, en pleno confinamento, pero perdeu o 76,8% das viaxes se o comparamos con 2019.
Como xa temos sinalado, este retroceso queda simbolizado pola perda do voo a Londes, un enlace esencial non só para o Turismo, tamén para a actividade económica na comarca da Coruña. Parece xa perdido e non hai previsións doutro destino internacional comparable. Sen apostar por Alvedro vai ser moito máis dificil comezar a recuperación da crise.