Saltar ao contido

A Marea Atlántica reclama que todas as institucións e administracións públicas se impliquen con medidas audaces e urxentes contra a emerxencia climatica.

Instamos ao ao goberno local a avanzar na execución de acordos sobre políticas verdes, como a eléctrica municipal, o Mapa das Renovables, a naturalización urbana e a mellora do transporte público


A voceira municipal da Marea Atlántica, reclamou hoxe a todas as administracións un maior compromiso fronte á emerxencia climática e “medidas audaces e urxentes para combater as súas consecuencias”, tamén desde o Concello da Coruña. García saudou que o corpo de bombeiros da cidade estea a axudar nas labores de extinción do terrible incendio en Valdeorras, e esixiu á Xunta a mellorar o investimento e os medios na loita contra o lume e a xestión forestal, tamén no inverno. 

Tal e como sinala García, “neste verán estamos a ver que as predicións que a comunidade científica leva décadas facendo se están a cumprir, e que o custe de ignoralas é dantesco”. Unha vaga de calor histórica, seca e escaseza de auga, e unha quenda de lumes especialmente virulentos que só en Galicia arrasaron case 20.000 hectáreas e unha ducia de poboacións desde o venres. “É necesario cambio drástico, máis ambición nas políticas públicas climáticas, e non retroceder en compromiso ambiental”. 

María García participou esta mañá na Ecomarcha convocada por Ecoloxistas en Acción para lembrar outra catástrofe ambiental, a marea negra do Mar Exeo, que ocultou a Torre de Hércules tras unha nube hai case 30 anos, o 1 de decembro de 1992. “Foi outro desastre derivado da dependencia dos combustibles fósiles, un problema que ten moitas derivadas e que nestes días se deixa sentir de xeito especialmente duro.

Ata 510 falecementos por culpa da calor

O Ministerio de Sanidade estima que 510 persoas morreron en España nunha semana  por golpes de calor, sumando as condicións laborais inhumanas durante as altas temperaturas, infraestruturas que se deterioran, descenso da produción agrícola, crise enerxética e escaseza de combustibles, desigualdade e inxustiza: a emerxencia climática afecta máis ás persoas e países máis pobres”. “A resposta a isto non pode ser pintura verde para continuar na mesma dirección, non pode ser aumentar o 2% do PIB en gasto militar mentres deixamos sen atender a ameaza climática, actual e tanxible. Nin tampouco a política espectáculo e o regreso dos megaproxectos a maior gloria do cemento”, resumiu García. 

Medidas verdes pendentes na Coruña

Neste contexto, García lembrou que o goberno local ten nos Orzamentos 2022 grazas ao acordo coa Marea Atlántica toda unha serie de políticas ambientais que agardan execución, é que resulta máis necesario ca nunca poñelas en marcha. É o caso da empresa enerxética municipal , 100% pública, do Mapa das Enerxías Renovables na cidade, dos proxectos de novas zonas verdes, da recuperación dos ríos Quintas e Feáns, das políticas de residuos e reciclaxe, e do fomento do transporte público, entre outras moitas

É o momento, tamén de actualizar a Estratexia de Cambio Climático, pois “A Coruña ten que adaptarse e prepararse para garantir a calidade de vida da veciñanza nos vindeiros anos, nos que estas vagas de calor van ser unha constante”, explica María García. Lembrou, ademais, que en 2019 o goberno local rexeitou no pleno unha Declaración de Emerxencia Climática que está agora plenamente de actualidade, e que tentaremos recuperar para que non se perda de vista o fundamental: non temos outro planeta no que vivir. 

María García: “A terrible vaga de lumes, as altas temperaturas e a seca persistente deixan claro que non se ponden dar pasos atrás nas políticas ambientais”