Xulio Ferreiro: “Negreira oculta información sobre o Parque de Bens e improvisa anuncios agora irrealizables porque ten medo da reacción cidadá contraria á cesión para negocio privado de zonas verdes públicas”
O candidato á alcaldía da Marea Atlántica acusa ao Goberno local: “ Resulta dun cinismo supremo que o Concello se sume á ‘ Hora do Planeta ‘ mentres destrúe espazos naturais de todo s para construír circuítos automobilísticos privados ”, afirma
Xulio Ferreiro, candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, volveu criticar este sábado “a cesión municipal da zona máis visitada e cómoda do Parque de Bens para unha actuación privada como é o complexo comercial que acompaña ao Museo do Automóbil”. “Insistimos en que podemos estar a favor de calquera iniciativa museística, pero no lugar axeitado. O promotor ten solo abondo da súa propiedade para construílo ou o Concello podería poñer facilidades a favor dalgunha alternativa como a do fracasado e abandonado centro comercial Dolce Vita, pero o que decidiu o señor Negreira é algo tan grave como ceder espazo verde público para un negocio privado”, indicou Ferreiro.
O candidato da Marea tamén criticou o “opaco” proceder do goberno local respecto a esta cuestión. “A gran operación mediática lanzada polo PP e os poderes locais oculta información, como por exemplo que o proxecto definitivo contravén as condicións que impuxo a Xunta para aprobar definitivamente o PXOM ao ocupar solo no que non se pode construír, posto que é rústico protexido de protección paisaxística”, relata Ferreiro, que engade: “Así mesmo, o señor Negreira improvisa novidades agora irrealizables porque ten medo da reacción cidadá contra a cesión de zonas verdes públicas para o lucro privado. O anuncio de ampliación do Parque de Bens para compensar a zona verde que se perde pode funcionar como truco sobre o papel, pero non sobre o terreo nin sobre a legalidade actual xa que obrigaría a un cambio puntual no PXOM. Tampouco sabemos como pensa obter o solo da ampliación (vai expropiar?) ou quen vai pagar esa actuación, se o concello ou o promotor da actuación que recorta a zona verde. A maiores, non se debe esquecer que o complexo privado do Museo do Automóbil pode significar na práctica a desaparición do Parque: os terreos cara os que di o Goberno local que se ampliará están mal comunicados e, así mesmo, o que sobreviva do Parque de Bens perderá toda a súa condición de zona de lecer tranquilo, familiar ou deportivo debido ás múltiples molestias (ambientais, acústicas…) que provocará o funcionamento de varios circuítos automobilísticos”.
Por último, Ferreiro cualifica de “supremo cinismo” que o Goberno local apoie este sábado a reivindicación ecoloxista denominada “Hora do Planeta” e “ao mesmo tempo destrúa amplos espazos verdes públicos para construír circuítos automobilísticos privados”.