Saltar ao contido

O organismo encargado da xestión das festas, museos e concertos só investiu o 65% do seu orzamento, deixando sen tocar 2 millóns, catro veces o Bono Cultura

Iago Martínez: “Nin toda a propaganda do mundo é capaz de disimular a permanente improvisación e a chapuza na xestión na Área de Cultura e Festas do Concello”

A Marea Atlántica denuncia que, segundo os datos oficiais aos que tivo acceso o grupos municipal, o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) gasta case un de cada dous euros mediante facturas irregulares neste exercicio. Ademais, a 18 de decembro, a execución no organismo de xestión cultural é do 65,6%, o que significa que deixa 2 millóns sen investir, unha cantidade que multiplica por catro o orzamento do exitoso Bono Cultura. E dos fondos que si se investiron, aproximadamente a metade están sinalados con reparos de legalidade.

Estas cifras de execución serían aínda peores de non ter aplicado o goberno municipal un recorte no IMCE cercano aos 500.000 euros a mediados deste ano, rebaixando o orzamento de 6,2 a 5,7 millónes de euros. Recorte que foi denunciado no seu día pola Marea Atlántica coma unha medida innecesaria, posto que para financiar o Presco podíanse empregar fondos previsos para propaganda ou asistencias técnicas, e inxusta, ao prexudicar un sector vulnerable.

O interventor sinala problemas nun total de 178 facturas, que suman 1,7 millóns de euros, algo máis dun 45% dos fondos realmente executados no IMCE neste 2020. Dese total de facturas irregulares, 469.950,72 euros corresponden ao Festival Noroeste, o maior evento musical da Coruña (onde 294.133,12 euros seguen pendentes de pago). A maiores, existen contratos asinados horas antes da celebración dos concertos, cancelacións que non foron compensadas, e a que posiblemente sexa a primeira indemnización a un promotor. 

O concelleiro Iago Martínez, vicevoceiro municipal da Marea Atlántica e representante no Consello Reitor do IMCE, afirma que “tal e como vimos denunciando, o único que funciona neste goberno é a propaganda, pero nin toda a propaganda do mundo pode disimular a constante improvisación e chapuza coa que se xestiona a área de Cultura e Festas”. 

A división dun goberno en minoría, enredado sempre en leas internas, queda moi clara neste ámbito, pois Cultura e Festas tiveron ata catro responsables en ano e medio: Jesús Celemín, Diana Cabanas, José Ignacio Borrego e a propia alcaldesa. Cómpre lembrar que o IMCE non está entre as competencias do novo director de área de Cultura, Rómulo Sanjurjo, senón que depende directamente da alcaldesa, que delega a xestión no seu xefe de gabinete, Gonzalo Castro. 

Mentres o sector cultural loita para saír adiante respectando as restricións e as medidas sanitarias, a resposta do goberno municipal é non executar o seu orzamento, cancelar eventos sen previo aviso nin alternativa e tomar atallos mediante o abuso de facturas con reparos de legalidade.

O IMCE gasta un de cada dous euros este ano mediante facturas irregulares