Lamentamos fondamente o seu falecemento aos 86 anos. Foi activista pola Memoria Histórica, represaliada do franquismo e filla de José Villaverde, dirixente da CNT
Pediremos que se lle dedique unha rúa e se lle conceda o título de Filla Predilecta da Coruña
A Marea Atlántica lamenta profundamente o falecemento de Mariquiña Villaverde, que nos deixou onte aos 86 anos, e trasládalle todo o agarimo á súa familia e amizades. Solicitarémoslle ao Concello da Coruña que lle faga unha homenaxe á súa figura, dedicándolle unha rúa e o título de Filla Predilecta da cidade, de xeito póstumo. Foi activista pola memoria histórica e filla do secretario xeral da CNT en Galicia, José Villaverde, fusilado en 1936 por defender a liberdade.
A de Mariquiña Villaverde é unha figura de rebeldía e dignidade, unha muller que nunca dobregou a súa vontade durante a ditadura, que nunca deixou de lembrar e manter viva a loita libertaria mesmo nos anos máis escuros do franquismo. Unha muller que sempre estivo en pé.
Quédanos o seu testemuño
O seu testemuño quedou recollido nos documentais A pegada dos avós dirixido por Xosé Abad e rodado co alumnado do insituto Durmideiras; e Vencidxs, do colectivo Date Cuenta, xunto a un cento de superviventes da represión franquista. E foi tamén unha das protagonistas, en 2015, do acto no que o nome do asasino Millán Astray desapareceu do rueiro da Coruña para darlle paso á Praza das Atochas. O día que o goberno de Xulio Ferreiro comezou a devolverlle a dignidade ás rúas da Coruña, Mariquiña Villaverde estivo no centro.
Por iso, desde o grupo municipal da Marea Atlántica pedirémoslle áo Concello da Coruña que lle dedique a súa máxima distinción a Mariquiña Villaverde, e que lle faga un oco ao seu nome no rueiro da cidade na que naceu, viviu e loitou.