Saltar ao contido

 

 

A Marea Atlántica ten un proxecto para A Coruña: quere unha cidade democrática, xusta, transparente e sostible. E sabe como poñelo en práctica. Sabemos o que queremos, e o vindeiro 24 de maio temos unha oportunidade histórica para gañar María Pita para a cidade e facer realidade este desexo común, mais só coa túa participación ten sentido andar este camiño. Por iso, a Marea sae ás rúas, para falar e escoitar á cidadanía, para fortalecer un proxecto que non para de medrar.

Para a Marea a cidade é un ben común, un lugar onde relacionarnos libremente, onde medrar, aprender, namorar e disfrutar da vida de maneira colectiva. Por iso, a cidade debe deixar de ser o negocio duns poucos para convertirse nun espazo de dereitos para todas as persoas: dereito a un hábitat, á calidade de vida, á vivenda, á mobilidade… en definitiva, o dereito a unha vida digna para tódalas persoas.

A Cidade é, afortunadamente, unha realidade diversa e complexa onde todas as sensibilidades e modos de vida deben ter cabida, un espazo de respecto á diferenza: de xénero, funcional, xeracional, étnica… Debido á importancia e fraxilidade desta diversidade, as respostas aos problemas da Cidade non poden ser uniformes, senón adaptadas a cada realidade, e partindo sempre do reforzo das distintas formas de comunidade que constituen a riqueza da vida dos Barrios. Queremos unha cidade culta e popular, unha cidade saudable e sobre todo unha cidade xusta. Sen rendernos aos dogmas da “humanización urbana” ou ás “smart cities”, dende a Marea traballaremos por unha cidade cohesionada e solidaria, cun asociacionismo forte, autónomo e independente das institucións, que poida traballar dende a vivencia e coñecemento de cada barrio por una cidade máis humana e intelixente.

Queremos saber o que queres, queremos escoitar o que tes que dicir, cal é a túa proposta para esta cidade. Por iso animámoste a participar o martes 28 de abril, ás 19:30, no local da Marea Atlántica, na rúa Pontejos (San Agustín).

#HaiMarea no Urbanismo!

 

 

#HaiMarea no Urbanismo