Xoves 23 de abril ás 13:30 h na Rotonda de Elviña.
#HaiMarea na Mocidade.
Son moitos os anos nos que estamos a sufrir constantes ataques e recortes de dereitos nesta cidade. Todas, tamén a xuventude, que ten que enfrontar toda clase de problemas, dende prezos abusivos no bus ata a falta dunha residencia pública para o estudantado ou as dificultades de emancipación e desemprego. E nós dicimos que xa abonda.
Calquera intento da Marea Atlántica por varrer a oligarquía partidista ten que contar coa forza e coas ideas da mocidade, pois somos presente e futuro de todas as loitas, temos a obriga de abrir as ventás das institucións e insuflarlles o aire fresco que precisan.
Só nós –a mocidade- vemos os problemas que temos día a día coa suficiente claridade como para darlles a solución axeitada. Non podemos nin queremos delegar a nosa función; ser novas en parte obríganos a ser combativas, a participarmos nos espazos que logramos abrir. A nosa participación nestes procesos municipalistas é a chave para sumar forzas e experiencias. De cara ás eleccións municipais pero tamén mirando adiante, xa que o 24 de maio non se remata o camiño, senón que máis ben comeza.
O día seguinte ás eleccións as loitas van seguir, pois acadar as institucións non significa gañar; para gañar, o poder debe estar en mans da xente do común.
Por todo isto, animámoste a participar no encontro #HaiMarea na Mocidade este xoves 23 de abril ás 13:30 a Rotonda de Elviña, onde poderás ter a voz que tantos anos se nos impediu, e xa de paso participar se queres na Marea da Mocidade. Fai falla músculo para gañar os pulsos contra o bipartidismo, gañar María Pita e devolverlla á cidadanía!