A Marea Atlántica ten un proxecto para A Coruña: quere unha cidade democrática, xusta, transparente e sostible. E sabe como poñelo en práctica.
Sabemos o que queremos, e o vindeiro 24 de maio temos unha oportunidade histórica para gañar María Pita para a cidade e facer realidade este desexo común, mais só coa túa participación ten sentido andar este camiño. Por iso, a Marea sae ás rúas, para falar e escoitar á cidadanía, para fortalecer un proxecto que non para de medrar.
Dende a Marea da Educación, queremos facer do ensino un dos seus piares, porque pensamos que aí está o futuro da nosa cidade. Queremos unha cidade para a rapazada, unha cidade onde poidan xogar na rúa, unha cidade máis humana, máis culta, pero non dende unha perspectiva paternalista, senón dende a que propón un novo modelo de goberno para a cidade, tomando a mocidade como garante dos dereitos de toda a cidadanía e fomentando a participación nas decisións de goberno.
Non se trata só de aumentar recursos educativos ou de mellorar as infraestruturas, queremos construír unha mellor cidade para todo o mundo, un lugar onde a rapazada poida vivir unha experiencia de aprendizaxe e convivencia como verdadeira cidadanía autónoma. Moitos dos nosos problemas veñen da priorización do mundo especulativo dos adultos sobre todo o demais, convertendo A Coruña, pouco e pouco, nun páramo de cemento e metal. Nós pensamos que unha cidade así está deshumanizada, e queremos cambiala coa túa axuda.
Queremos saber o que queres, queremos escoitar o que tes que dicir, cal é a túa proposta educativa para esta cidade. Por iso animámoste a participar o luns 27 de abril, ás 18:30, na Praza da Tolerancia, no #HaiMarea na Educación. Teremos actividades para a rapazada, para que tamén participe.
#HaiMarea na Educación