Saltar ao contido

No pleno do 9 de novembro, o Grupo Municipal da Marea Atlántica presentará unha moción para declarar A Coruña como municipio oposto ao Acordo Transatlántico de Comercio e Investimento

A moción, elaborada pola Marea de Economía Local e Social, quere dar cumprimento a un dos puntos do programa, incorporando a nosa cidade a un movemento de oposición presente en toda Europa

O venres 13 celebrarase unha palestra aberta no local da Marea Atlántica para abordar en profundidade esta temática

O Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (en inglés TTIP) é un amplo acordo de liberalización de comercio e investimentos, que representa un serio perigo para a democracia, a soberanía e a debida protección dos dereitos humanos e a natureza, antepondo o interese comercial dos investidores e empresas transnacionais (ETN) ao interese xeral. Este acordo estase a negociar desde 2013 entre a UE e EEUU, de costas á cidadanía e aos seus representantes políticos (parlamentos), e a súa aprobación está prevista para 2016.

O TTIP inclúe medidas para a protección dos investidores a través de Mecanismos de Arbitraxe Inversor-Estado (ISDS) que establecerán compensacións económicas dos estados aos investidores cando se reduzan os beneficios presentes e/ou futuros dunha compañía (aínda que isto implique a desprotección de dereitos laborais ou da natureza), e onde, ademais dos altos custos, as decisións son firmes e non poden ser apeladas.

A liberalización, tal como está concibida no TTIP, implicaría una rebaixa dos estándares sociais e medioambientais, tanto europeos e estadounidenses, xa que ditos regulamentos se enfrontan aos beneficios das corporacións. Ademais, poría en perigo os servizos públicos e suprimiría a liberdade e a capacidade dos concellos para satisfacer as necesidades sociais das súas poboacións, atendendo a políticas e plans de desenvolvemento industrial e de fomento da industria e emprego locais.

Fronte a esta grave problemática, o Grupo Municipal da Marea Atlántica presentará unha moción para declarar A Coruña municipio oposto ao TTIP, que será debatida e, no seu caso, aprobada, no pleno do concello a celebrarse o día 9 de novembro. A mesma foi elaborada pola Marea de Economía Local e Social en base á documentación facilitada por outras entidades políticas e sociais, como Podemos-A Coruña ou a Campaña Non ao TTIP, e dá cumprimento ao noso programa (medida n.º 56).

A moción tamén solicita ao Goberno do Estado que suspenda as negociacións do TTIP e outros acordos comerciais similares (como o TISA ou o CETA), que defenda os servizos públicos, que calquera negociación observe tamén obxectivos sociais e ambientais e que faga pública toda a información sobre o proceso de negociación, abrindo un debate público nos concellos, no parlamento e na sociedade civil.

151113_palestra_TTIP

Para falar desta situación e profundar no significado e consecuencias do TTIP para os nosos pobos, a Marea Atlántica convoca a Palestra aberta “TTIP. Un tratado para dar máis poder ás transnacionais”, o vindeiro día 13 (venres), ás 20:00, no local social da Praza dos Ovos (Humor). Participarán Gonzalo Rodríguez (secretario de ATTAC Galiza) e Antón Sánchez (deputado autonómico de AGE).

Hai que parar o TTIP, tamén desde os concellos