Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “A Marea presenta 99 medidas para o 99%; un Programa distinto cunha difusión tamén distinta”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña e outros membros da lista presentaron as propostas de goberno da plataforma cidadá, que tamén comezaron difundirse mediante o reparto de milleiros de exemplares d’ O 15 , un periódico de edición única editado pola Marea

 

O cabeza de lista da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, xunto ás persoas que completan os primeiros cinco postos da candidatura (Rocío Fraga, Xiao Varela, Silvia Cameán e José Manuel Sande) presentaron aos medios de comunicación o Programa Electoral co que a iniciativa cidadá se presenta ás eleccións municipais do 24 de maio. “Son 99 propostas para o 99%, todas realizables, lonxe desa práctica da vella política de facer promesas en campaña que logo non se poden cumprir”, afirmou Ferreiro.

“Presentamos un modelo de cidade distinto, afastado da idea do cemento e máis cemento e baseado na transparencia e na participación, por iso non lanzamos unha serie de obras para determinadas rúas, senón que defendemos crear os mecanismos para que cada barrio expoña e decida as actuacións de forma democrática”, engadiu o cabeza de lista da Marea, que lembrou que o Programa está dividido en cinco eixes: Radicalización democrática, Modelo Territorial e Urbano, Xustiza e Cohesión Social; Modelo Económico e Enerxético e Cultura, Memoria e Identidades.

“O noso Programa nace do traballo feito polas distintas Mareas, polas xornadas abertas para a súa confección ou das demandas que nos chegaron da cidadanía mediante distintas ferramentas, como a dixital”, dixo o candidato da Marea. No concreto, Ferreiro mencionou algunhas iniciativas, como a creación dunha Renda Social Municipal, a posibilidade de revogar os cargos en caso de incumprimento grave de Programa, a baixada das taxas da auga, retirar os saldos das entidades bancarias que executen desafiuzamentos, apostar polos mercados municipais e o comercio de proximidade ou poñer os espazos públicos ao servizo da cidadanía. “O noso modelo non é o de construír 20.000 vivendas máis nunha cidade que ten outras tantas baleiras”, indicou.

“Contamos cun programa distinto e unha forma de presentalo á xente tamén distinta”, afirmou o cabeza de lista da Marea respecto á publicación d’O 15, editado pola plataforma cidadá e que, en formato de periódico impreso, comezou repartirse este xoves por toda A Coruña cunha tirada de 15.000 exemplares. O 15 inclúe artigos, entrevistas, reportaxes, columnas e gráficos nos que se explican as características da candidatura da Marea Atlántica, así como as súas propostas. “Así trasladamos o que representa a Marea á cidadanía dun xeito sinxelo, directo, traballado, serio e amable; non lle queremos propoñer aos coruñeses e coruñesas un ladrillo”, afirmou Ferreiro, que tamén cualificou de “moi positiva” a resposta á campaña de financiamento cidadá -que servirá para pagar a publicación d’O 15 “que se confeccionou mediante voluntariado, sen que custara un peso agás os gastos de impresión”- da que dixo que está enmarcada dentro dos valores da Marea, “entre os que non hai lugar para unha campaña baseada no dispendio, preferimos a imaxinación”. Nese sentido, Ferreiro destacou que o método colectivo de financiamento da campaña da plataforma cidadá coruñesa permítelle “ser independentes dos bancos. Só nos debemos á cidadanía, non a ningún grupo de presión”.

 

Podes consultar O 15 en formato PDF aquí.

Hai programa!