Varias compañías telefónicas teñen descontos especiais nas súas facturas para persoas mozas, pensionistas ou beneficiarias de prestacións sociais, pero non as dan a coñecer
Este documento é unha axuda para loitar contra a fenda dixital, que afasta a moita xente do exercicio dos seus dereitos
O traballo da Oficina dos Dereitos finánciase co salario dos cargos públicos da Marea Atlántica
A Oficina dos Dereitos da Marea Atlántica vén de publicar unha Guía de tarifas sociais de internet e telefonía, un documento que recompila dos descontos e bonificacións que diversas compañías telefónicas aplican a persoas mozas ou beneficiarias de prestacións sociais. Estas tarifas existen e poden axudar a que persoas sen recursos non queden illadas ao outro lado da fenda dixital, pero son moi descoñecidas porque as empresas non fan grandes esforzos en informar sobre elas.
No documento recóllense as tarifas sociais de Vodafone, Orange, R e Movistar, xunto a información detallada de como solicitalas e contratalas. Na maioría dos casos diríxense a beneficiarias de prestacións como o Ingreso Mínimo Vital e a RISGA, aínda que Vodafone ofrece bonificacións a menores de 30 anos en desemprego, e Movistar a pensionistas con ingresos anuais inferiores ao 120% do IMPREM.
As persoas que precisen axuda para facer os trámites, poden solicitar apoio da nosa Oficina dos Dereitos, pedindo cita no correo dereitos@mareatlantica.org ou no teléfono 604 086 724.
Teceira guía da Oficina dos Dereitos
A Oficina dos Dereitos conta xa con outras dúas guías de axudas. Unha primeira para informar sobre aos diferentes tipos de prestacións sociais no Estado, a Xunta e o Concello da Coruña, ás que poden acceder as persoas en situación de vulnerabilidade. E outra para o acceso aos bonos sociais para subministros básicos, como auga, electricidade e gas.
Xestionada polo educador social Rodrigo Gil, a Oficina dos Dereitos ofrece 12 horas de atención semanal para resolver dúbidas no acceso a axudas e recursos públicos, como complemento o traballo das administracións e as entidades sociais. Finánciase co salario dos nosos cargos públicos da Marea Atlántica, que cobran un máximo de 35.000 euros anuais, e doan o resto para iniciativas sociais coma esta Oficina ou a Xanela de Proxectos.
Internet como dereito
Segundo datos do INE, máis dun 25% da poboación de Galicia non ten acceso a internet porque os custes de conexión resultan demasiado elevados. A fenda dixital é un problema que afecta dobremente ás persoas en situación de vulnerabilidade, sendo motivo de exclusión e desigualdade. Durante a pandemia, o teléfono e internet se fixeron obrigatorias para tratar coa administración e acceder a moitos servizos. Trámites que, en numerosas ocasións, non tiñan outra alternativa.
O acceso a internet está xa recoñecido coma un Dereito Humano pola ONU, asociado á liberdade de expresión e opinión. Porén, non estará garantido mentres non exista un operador público de telecomunicacións que poida prover o servizo sen atarse á ditadura do beneficio. Mentres tanto, quede esta Guía coma a nosa contribución a facer a fenda dixital un pouco máis estreita.
Descarga as guías da Oficina dos Dereitos