A guía, dispoñible para descarga gratuita, informa das vías para solicitar prestacións coma a RISGA da Xunta, a Renda Social Municipal ou o Ingreso Mínimo Vital do Estado
A Oficina dos Dereitos é unha iniciativa social financiada cos soldos dos cargos públicos da Marea Atlántica. Atende baixo cita ás persoas sen recursos para orientalas e axudalas
A Oficina dos Dereitos da Marea Atlántica vén de publicar unha Guía de prestacións económicas, para informar as persoas en risco de exclusión das axudas públicas que existen e as vías para solicitalas. Está pensada para combater o descoñecemento das persoas vulnerables sobre os seus propios dereitos e orientalas no trato coas administracións públicas.
Deste xeito, a Guía de prestacións económicas ocúpase do Ingreso Mínimo Vital do Estado, a RISGA, as pensións non contributivas, a Tarxeta Básica e as axudas de inclusión social da Xunta; e a Renda Social Municipal, as axudas de emerxencia, o Bono Taxi e as bolsas comedor do Concello da Coruña. De xeito claro e sinxelo, explica cales son os requirimentos e o proceso para solicitalas.
As axudas públicas teñen que estar accesibles e ser transparentes para chegar a quen as precisa. Se non, non serven de nada. Fican ocultas tras un labirinto burocrático e unha fenda dixital que moitas persoas vulnerables non son quen de superar. Para iso nace a Oficina dos Dereitos, non para substituír ás institucións, senón para acompañar a quen precisa orientarse no trato coas administracións.
As nosas doazóns están claras
A Oficina dos Dereitos é unha iniciativa social da Marea Atlántica, que se financia co excedente salarial dos nosos cargos públicos. Como xa temos anunciado, as nosas representantes nas institucións cobran un máximo de 35.000 euros anuais, dentro dos límites do noso Código Ético. Pero como Inés Rey lle subiu o soldo a todo o mundo, doamos o resto para poñer en marcha iniciativas como esta Oficina ou a Xanela de Proxectos.
Para solicitar a axuda personalizada da Ofician dos Dereitos, só hai que solicitar unha cita previa en no correo dereitos@mareatlantica.org ou no teléfono 604 086 724.