A Rede designou, por unanimidade, un grupo paritario de dez persoas, encargado de facer unha proposta sobre a composición do novo órgano.
Nun prazo máximo de dous meses, esta proposta de coordinadora levarase de novo á asemblea, onde deberá ser aprobada por unha maioría do 75%.
A Marea Atlántica escolleu onte na Rede, a súa asemblea, un grupo paritario de dez persoas para avanzar na elección da nova coordinadora. Este equipo de traballo, designado por unanimidade, ten a tarefa de facer unha proposta sobre a composición do novo órgano, procurando o consenso e o respecto a todas as sensibilidades dentro da confluencia. Deste xeito, desenvólvese o proceso aprobado na Marea Viva a finais de xaneiro, que renova a estrutura interna da plataforma municipalista.
O grupo de proposta ten un prazo máximo de dous meses para elaborar unha lista de entre 12 e 16 persoas para a coordinadora, que deberá ser paritaria e responder aos obxectivos fixados na Marea Viva: mellorar o funcionamento interno da Marea Atlántica, fomentar a presenza na rúa e as alianzas co tecido social, e impulsar un modelo de cidade mellor para vivir e construída en común coa veciñanza.
Ratificación na asemblea
Unha vez elaborada a proposta de coordinadora, o grupo de traballo deberá trasladarlla á Rede, onde deberá ser aprobada por un mínimo do 75% dos votos, na procura do máximo consenso. Apersoas que forman parte do equipo de proposta non poderán ser escollidas para a coordinadora.
Deste xeito, a Marea Atlántica renova a súa coordinadora, un órgano que xa existía, para facela máis funcional. Clarifícanse as súas funcións, dótase dunha voceiría paritaria e establécese un sistema claro e directo de rendición de contas ante a asemblea.