CONCELLEIRAS

María García

Voceira do Grupo Municipal da Marea Atlántica

35.000 € brutos/ano
(en cumprimento do Código Ético da Marea Atlántica, percibirei un salario de 35.000 euros brutos anuais. O excedente doarase para financiar iniciativas sociais e políticas en beneficio da cidadanía).

Nacín na Coruña en 1978. Desde os 15 anos na defensa ambiental, que deveu en profesión e paixón. Estudei a Licenciatura de Ciencias Ambientais en León, Planificación e Desenvolvemento Local na Coruña e Medio Ambiente e Formación en Alemaña. Traballei como educadora ambiental en diversos programas, entre eles na planta de Nostián. Fun Técnico Municipal de Medio Ambiente en Carnota, onde xestionei o dispositivo de crise da marea negra do Prestige. Durante 8 anos, en Alemaña, tomei parte en proxectos de desenvolvemento urbano sostible baseados na participación cidadá e a autoorganización. Dende o centro cultural da ufaFabrik (“Best Practice” do programa Hábitat de Nacións Unidas) desenvolvín proxectos europeos de transferencia do coñecemento con escolas de FP de Galicia, Alemaña, Portugal, Dinamarca, Francia e Letonia.

Durante o pasado mandato fun Concelleira de Medio Ambiente. Síntome orgullosa e agradecida de pertencer á Marea Atlántica, un símbolo da cidadanía empoderada.

Xiao Varela

Concelleiro do Grupo Municipal da Marea Atlántica

30.000 € brutos/ano

Nacín na Coruña en 1979. Vivín a miña nenez entre os barrios da Falperra, os Mallos e a Cidade Vella e a miña adolescencia entre Monelos e a Agra do Orzán.

Son licenciado en Arquitectura pola UDC e socio fundador da cooperativa Hábitat Social, desde a que me dediquei á arquitectura, o urbanismo e a intervención comunitaria ata a miña incorporación ao Concello da Coruña en 2015. Realicei traballos en diversos eidos, desde o urbanismo participativo en iniciativas como a Cidade dos Barrios, promovida polo Concello da Coruña e o Colexio de Arquitectos no 2008, até a construción natural, divulgando e promovendo o uso dos materiais naturais e a recuperación das técnicas tradicionais na edificación.

No anterior mandato anos exercín a labor de Concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda do Concello da Coruña. Defendín e defendo unha Coruña para as persoas.

Silvia Cameán

Concelleira do Grupo Municipal da Marea Atlántica

30.000 € brutos/ano

Son licenciada en Dereito pola UDC, e exercín a avogacía por conta propia en despacho colectivo entre 2012 e 2015. Completei a miña formación con xornadas e cursos de especialización en mediación civil e mercantil, a incidencia das reformas laborais sobre os dereitos das mulleres, Dereitos Humáns e globalización, estranxeiría, Centros de Internamento de Persoas Estranxeiras en España (CIEs), dereitos humanos e globalización e dereito á defensa. Tamén realicei o programa de acceso e permanencia na quenda para atender de oficio ás vítimas de violencia machista.

No anterior mandato, fun conselleira de Xustiza Social, Educación e Coidados. Estou absolutamente convencida do dereito á alegría e da necesidade de loitar por unha vida que mereza ser vivida. As mulleres debemos participar na política para aportar outra mirada, para feminizar a política e facer posíbel unha sociedade máis xusta.

Alberto Lema

Concelleiro do Grupo Municipal da Marea Atlántica

35.000 € brutos/ano
(en cumprimento do Código Ético da Marea Atlántica, percibirei un salario de 35.000 euros brutos anuais. O excedente doarase para financiar iniciativas sociais e políticas en beneficio da cidadanía).

Nacín en Vimianzo en 1975. Son licenciado en Filoloxía Inglesa pola USC e participo activamente en política desde novo. Son traballador en excedencia da Real Academia Galega.

Gañei o premio Ánxel Casal coa novela Sidecar, publicada pola editorial Galaxia en 2009, e publiquei outras dúas obras de narrativa e dous poemarios, Plan de fuga (2008) e Crónica do chan (2014). E realicei numerosas colaboracións en obras colectivas e distintos medios da prensa galega. Acredito na necesidade de rachar coa situación de dependencia de Galicia para acadar o seu pleno desenvolvemento económico, social e cultural.

No mandato 2015-2019, exercín a responsabilidade de concelleiro nas áreas de Emprego, Economía Social, Comercio, Mercados, Consumo e Turismo.

Claudia Delso

Concelleira da Marea Atlántica

30.000 € brutos/ano

Nacín na Coruña no 1986. Crecín entre os barrios da Agra e Labañou. Teño lembranzas dunha outra cidade posible, a que se fai colectivamente. Son licenciada en Historia da Arte e Posgrao en Xestión Cultural e Cooperación Internacional. Estudei entre as universidades de Santiago de Compostela, Bologna (Italia) e Barcelona (UB e UOC).

Formei parte da coordinación de diversos proxectos de mediación e cooperación cultural a nivel estatal e internacional nomeadamento no mov-s 2014 e no Festiclown Palestina 2011. Así como de proxectos de cultura e desenvolvemento comunitario nos campamentos de refuxiadas saharauis, e na cidade da Coruña no Espazo Social de Intervención Artística Casa Tomada.

No anterior mandato fun Concelleira de Participación e Innovación Democrática do Concello da Coruña con competencias en políticas de mocidade. Aprendín que é posible facer política e políticas públicas honestas e transformadoras e que a participación é un dereito irreversible.

Iago Martínez

Vicevoceiro e coordinador político do Grupo Municipal da Marea Atlántica

35.000 € brutos/ano
(en cumprimento do Código Ético da Marea Atlántica, percibirei un salario de 35.000 euros brutos anuais. O excedente doarase para financiar iniciativas sociais e políticas en beneficio da cidadanía).

Nado en 1979 e xornalista en excedencia dende que a Marea Atlántica, a construción dunha alternativa política para a maioría social na cidade, se converteu nunha ilusión demasiado esixente. Primeiro como coordinador da campaña electoral nas eleccións municipais de 2015, despois como xefe de gabinete do alcalde Xulio Ferreiro durante catro anos e agora como concelleiro.

Até entón editaba a revista Luzes, que contribuíra a fundar canda Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, colaboraba cun programa semanal (Disimulen) en Cuac FM, a radio comunitaria da Coruña, e escribía regularmente en Rockdelux. Nesta mesma cidade participei tamén da creación de Galiza Ano Cero, unha canle de televisión en internet, e nun proxecto apaixoante sobre a memoria sonora da Agra do Orzán: Música en Branco.

Entre 2011 e 2012, até o seu desmantelamento, formei parte do equipo de colaboradores da edición galega de El País, e antes dediquei tres anos, de 2008 en diante, ao malogrado Xornal de Galicia no polígono da Grela. Na mochila levaba xa as redaccións de O Miñor, Atlántico Diario, 20 Minutos e Tempos Novos, así como colaboracións en cabeceiras como Mondosonoro ou Caimán, entre outras.

Son autor de “Lois Pereiro. Vida e obra” (Xerais, 2011) e dirixín a medias con Alexandre Cancelo “Contra a morte”, o noso común debut na longametraxe documental. Mentres puiden, formei parte do consello directivo do Sindicato de Xornalistas de Galicia.

ASESORAS

Natalia Balseiro

Remuneración: 32.000 € brutos / ano

Arturo Losada

Remuneración: 32.000 € brutos / ano

Carmen Villar

Remuneración: 32.000 € brutos / ano