Hai meses que o goberno local fala dun modificativo de crédito, urxente para asuntos coma as escolas infantís ou o Club do Mar, pero aínda non foi quen de poñelo sobre a mesa

A alcaldesa non é quen de seguir o ritmo dos seus compromisos: as comisións da Axenda Urbana e as bibliotecas municipais seguen sen constituír

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, reclamou hoxe en rolda de prensa que á alcaldesa lle poña data á xuntanza comprometida entre as dúas para reconducir a situación, pois “estamos xa case en novembro, teriamos que que estar a falar das ordenanzas fiscais do ano que vén, os Orzamentos 2023 e do modificativo de crédito urxente do que levamos escoitando falar desde o verán. E nada”. 

“Estou preocupada, o goberno non está centrado e non atende ao importante. Por iso, quero reclamarlle a Inés Rey que lle poña data á xuntanza que o seu portavoz nos prometeu no Pleno de setembro e que nos sentemos a falar para poñerlle remedio”, explicou García. Como exemplo, sinalou o “espectáculo de improvisación” que foi o Pleno extraordinario do pasado venres, no que un asunto tan relevante coma a candidatura da Coruña como sede da futura Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), trasladouse dun xeito improvisado e sen o mínimo esforzo de buscar consensos, nin dentro nin fóra da Corporación, entre os axentes sociais e profesionais da área metropolitana.

María García lembrou, ademais, que hai meses que o goberno fala de aprobar un modificativo de crédito para atender asuntos urxentes, pero aínda non foi quen de poñelo sobre a mesa. “E deste modificativo dependen varios asuntos graves, coma ampliar de seis a oito horas a atención de balde nas escolas infantís municipais (xa que a Xunta prefire financiar ás privadas), ou resolver o problema financeiro que unha sociedade histórica e sen ánimo de lucro, coma o Club do Mar de Santo Amaro, ten pola xestión da piscina municipal”. 

Pouca atención aos acordos 

Nas últimas semanas, a desastrosa xestión da Axenda Urbana conseguiu algo nada doado, que poucas veces ocorreu: poñer de acordo a todos os grupos da oposición, que aprobamos unha moción conxunta para reprobar a actitude do goberno. En palabras de María García: “Pensamos que tomarían nota, pero non. A comisión para a Axenda Urbana segue sen convocarse. Como tampouco se convocou a que debe atopar solución para o problema do pago dos salarios nas bibliotecas municipais de xestión privada, algo ao que o goberno se comprometeu o 13 de outubro”. 

“O goberno municipal non é quen de seguir o ritmo dos compromisos”, declarou a portavoz municipal da Marea Atlántica. Nin dos máis recentes, nin dos que forman parte de negociacións previas. É o caso das axudas para recuperar locais comerciais baleiros no programa Mover os Baixos, da compra de soares e inmobles, da promoción de vivenda pública… Da regulación dos pisos turísticos e as casas de apostas. Dos proxectos para unha nova biblioteca en Novo Mesoiro e cunha escola infantil e un centro de día en Xuxán. Da planificación do Parque Cidade no Martinete… Investimentos por valor de máis de 15 millóns de euros, que están contemplados nos Orzamentos para este ano, pero que non lle están a chegar á xente da Coruña.

Notamos especial desinterese en cumprir o acordado desde a Área de Urbanismo. Desde que o concelleiro actual tomou posesión, o único pacto que respectou foi co PP, para aprobar un cambio no PXOM que indulta aos equipamentos privados que incumpren a normativa, entre outras cousas.

“É preocupante. Temos un goberno que só se move de foto en foto e de espectáculo en espectáculo. Creo que é un erro, que a cidade precisa outra cousa, e por iso quero sentar coa alcaldesa e traballar para aclarar as prioridades”, conclúe a nosa voceira, María García.