Este documento de forma de goberno foi aprobado na Marea Viva 2020-21

Este documento de forma de goberno quere deseñar a forma de organización interna da Marea Atlántica desde os valores que definen o noso proxecto político: colaboración, participación, transparencia e horizontalidade. Tanto en esquema como contidos, esta proposta é herdeira do Documento de Forma de Goberno que nos deamos en 2018 e en 2015, coas necesarias adaptacións ao novo momento político e organizativo. O obxectivo, segue a ser o mesmo polo que naceu a Marea Atlántica: facer posible un espazo de confluencia liderado pola cidadanía que enfronte as políticas ditadas polas elites e o poder económico e rescatar o máis altos niveis de democracia para todas.

Este Documento de Forma de Goberno constitúe unha proposta de organización operativa que se basea nos fundamentos seguintes:

  1. Adaptar o funcionamento e composición do grupo institucional ao novo ciclo político institucional a nivel municipal, nacional, estatal e internacional.
  2. Desenvolver e regular a relación entre o conxunto de representantes institucionais da Marea Atlántica, e o seu persoal eventual, coa organización no tocante ao deseño conxunto de accións, rendición de contas, transmisión de información, toma de decisións e fiscalización da acción de goberno.
  3. Desenvolver e regular a relación entre o conxunto de representantes institucionais da Marea Atlántica, e o seu persoal eventual, coa cidadanía no tocante a rendición de contas, acceso á información, participación na toma de decisións e fiscalización da acción de goberno.

A. BLOQUE ELECTORAL

1. Forma xurídica de presentación ás eleccións

A forma para concorrer ás eleccións por parte da Marea Atlántica será a través do seu propio partido instrumental e unicamente coa marca “Marea Atlántica”.

Dependendo do carácter aos comicios aos que se presente, a Marea Atlántica poderá coaligarse con outras forzas de ámbito local ou vocación municipalista, previo debate e referendo por parte da Rede.

2. Financiamento da campaña electoral

A Marea Atlántica aceptará, dentro do marco legal, as achegas que calquera persoa física estea disposta a facer.

Polo que respecta a persoas xurídicas, sempre tamén dentro do respecto ao marco legal, aceptará preferentemente as procedentes de entidades de carácter social. Estas procurarán achegar as cantidades que a súa capacidade lles permita, aínda que tales contribucións non outorgarán dereitos políticos.

En caso de necesitar financiamento externo, a Marea Atlántica recorrerá unicamente a entidades de banca ética, cooperativa ou cun alto grao de responsabilidade social.

Para o depósito e a xestión dos fondos, a Marea Atlántica, e tamén na medida das posibilidades legais calquera goberno da Marea Atlántica, só traballará con entidades financeiras do espazo da banca ética, cooperativa ou cun alto grao de responsabilidade social.

3. Pactos de goberno municipal

A Marea Atlántica poderá apoiar candidatos ou candidatas doutras forzas políticas para a súa investidura en calquera institución na que teña representación, previo acordo da Rede, e sempre que se considere compatible cos seus principios básicos, o seu código ético e o seu programa electoral.

No caso de estar a Marea Atlántica en condicións de gañar a Alcaldía da cidade ou a presidencia de calquera outra institución, pero sen a maioría necesaria para gañar a investidura en solitario, poderá chegar a acordos para asegurar a estabilidade plenaria nos asuntos estratéxicos, previo acordo da Rede, e sempre que se considere compatible cos seus principios básicos, o seu código ético e o seu programa electoral.

A proposición dun pacto de goberno que implique a incorporación de representantes doutras forzas políticas —ou a entrada a formar parte dun goberno encabezado por outra forza política— será responsabilidade dunha comisión designada pola Rede. Dita comisión estaría integrada por un número impar de persoas, unhas escollidas polo grupo insitucional entre as electas e outras, en número non superior, designadas pola Rede baixo os criterios de paridade, talante conciliador e representación da diversidade e a pluralidade da Marea Atlántica. Os termos finais deste pacto deben ser aprobados pola Rede.

Poderanse integrar no goberno representantes doutras candidaturas previo acordo da Rede, e sempre que se considere compatible cos principios básicos, o código ético e o programa electoral da Marea Atlántica. O pacto debe ser ademais sometido a referendo co mesmo censo que tivo dereito a elixir a candidatura da Marea Atlántica.

4. Posición da Marea Atlántica no ámbito supramunicipal

4.1. A Deputación da Coruña

A Marea Atlántica debe buscar fórmulas para acceder á Deputación da Coruña, buscando que tales fórmulas potencien na medida do posíbel a súa presenza na institución. A Marea Atlántica, crítica coa existencia e funcionamento das deputacións, entende estas como unha fronte máis de reivindicación e defensa do municipalismo así como dos intereses da Coruña e a súa área metropolitana.

Co obxectivo xa sinalado de maximizar as oportunidades de acceder á Deputación Provincial, a Marea Atlántica promoverá a agregación de votos cando menos no seu ámbito metropolitano, explorando a coaligazón con outras iniciativas de ámbito local e vocación municipalista que puidesen existir na nosa contorna, coa fórmula que a Rede aprobe. A decisión será competencia da Rede.

As persoas deputadas provinciais da Marea Atlántica deben traballar por chegar a acordos con outras forzas políticas que compartan principios e políticas homologábeis ás nosas.

Os pactos postelectorais no seo da Deputación da Coruña ou en calquera outra institución de ámbito superior ao municipal seguirán os mesmos principios e o mesmo réxime que o sinalado para os pactos de goberno no eido municipal.

Ao igual que no Concello, a proposición dun pacto de goberno será responsabilidade dunha comisión designada pola Rede. A comisión formarase do mesmo xeito que no eido municipal. Os termos deste pacto deben ser aprobados pola Rede e sometidos a referendo co mesmo censo das primarias.

4.2. O municipalismo galego

O municipalismo é a base da Marea Atlántica, polo que será tamén a aposta política preferencial á hora de actuar na política nacional e participar no proceso de transformación e creba democrática que está a protagonizar a cidadanía do noso país.

A Marea Atlántica debe ser proactiva e procurar o achegamento e relación, así como ofrecer o seu apoio, aos procesos municipalistas galegos que compartan os seus principios, métodos e obxectivos.

A Marea Atlántica buscará concretar estas relacións en redes de colaboración estables co resto de entidades que conforman o municipalismo galego, desenvolvendo os instrumentos que sexan precisos para que esta voz estea presente nos diferentes espazos políticos e electorales.

4.3. As redes estatais e internacionais

Para avanzar nos obxectivos de transformación, a Marea Atlántica abrirá e promoverá relacións con entidades que compartan os principios e valores do municipalismo e da democracia radical a nivel estatal e internacional, participando en encontros, redes e accións nos diferentes niveis.

B. BLOQUE ORGÁNICO

5. Relación do grupo institucional coa Marea Atlántica

Enténdese por grupo institucional o conxunto das persoas electas da Marea Atlántica e o persoal contratado nos diferentes espazos (municipal, metropolitano, provincial).

5.1. Obrigas do grupo institucional

  1. As persoas que conformen o grupo institucional serán participantes da Rede, debendo acudir sempre ás súas reunións e dar traslado ao resto do grupo dos acordos que se tomen nela.
  2. O grupo institucional seguirá a lóxica propia do espazo de confluencia, evitándose a conformación de bloques ou sectores.
  3. As persoas que conforman o grupo institucional non poderán ocupar as portavocías da Marea Atlántica.
  4. Os cargos electos da Marea Atlántica serán leais aos acordos e actuarán como unha soa voz tanto nas súas manifestacións públicas como na súa toma de decisións ou á hora de votar, comprometendo a súa acción política aos valores e obxectivos da Marea Atlántica.
  5. Tanto as asignacións aos grupos municipal, provincial e, eventualmente, metropolitano, como calquera outro ingreso público procedente da participación electoral, deben reverter directamente na acción da Marea Atlántica. Ademais, as persoas incluídas no grupo institucional realizarán doazóns mensuais do 5% do seu salario neto, incluídas as pagas extraordinarias.
  6. O grupo institucional elaborará unha axenda de traballo derivada do programa electoral e dos acordos tomados na Rede, así como de todos os acordos adoptados pola Marea Atlántica en relación ao proxecto político. En paralelo a Marea Atlántica terá unha axenda propia, coordinada coa axenda institucional. Esta axenda de traballo será presentada e aprobada pola Rede.
  7. A dirección política da Marea Atlántica corresponde á Rede e tanto o grupo institucional como toda a estrutura organizativa e operativa da Marea Atlántica deberá render contas á Rede sobre os obxectivos políticos acordados tanto a nivel institucional como a nivel de organización política.

5.2. Proceso de selección do persoal da Marea Atlántica

Para cumprir coas súas funcións, a Marea Atlántica seleccionará o persoal que considere preciso e que desenvolverá un traballo de apoio e soporte. No caso específico do persoal asesor e eventual o proceso para levar a cabo a súa selección contará como mínimo cos seguintes pasos:

  • Definición, por parte do grupo institucional en colaboración coa Coordinadora, dos criterios de selección.
  • Publicación dos criterios e apertura dun período de recepción de candidaturas.
  • Selección, por parte do grupo institucional en colaboración coa Coordinadora, da persoa candidata.
  • Validación por parte da Rede da candidata seleccionada.

6. Estrutura do grupo institucional

O grupo institucional responderá aos principios de democracia, igualdade, transparencia, obediencia, responsabilidade, horizontalidade, respecto á diversidade —afectiva, cultural, funcional…—, ética ambiental, colaboración, funcionamento colexiado e innovación democrática.

O equipo da Portavocía ou as persoas que este designe para a colaboración en ditas labores, asumirá o labor de coordinación do grupo institucional. Realizará tamén no seu seo labores de arbitraxe e mediación entre as persoas que o integren.

As decisións dentro do grupo institucional tomaranse por consenso procurando a maior calidade do mesmo. Enténdese como calidade do consenso a maior participación e aceptación dentro dos grupos. De non se acadar un consenso de alta calidade traballarase para intentar sumar as voces discrepantes. En caso de que este non sexa posíbel tras esgotarse as vías precisas para tentalo, as decisións tomaranse por maioría de persoas membros —consenso de menor calidade—. En ningún caso o voto da Portavocía terá diferente valor que o dos/as demais integrantes do grupo.

Os cargos electos e o persoal eventual comprométense a recibir formación nos campos próximos aos asuntos da súa responsabilidade, nos que escollan libremente e naqueles que se consideren transversais para o exercicio das súas responsabilidades.

Do mesmo xeito, comprométense a formarse especificamente en xénero e cuestións relativas a todos os ámbitos das diversidades, tanto funcionais como sexuais e étnicas, así como no que atinxe á igualdade, a sustentabilidade, a inclusión social, a economía social e innovación democrática.

O grupo institucional dotarase dun regulamento que recollerá as obrigas e dereitos do persoal electo e contratado, partindo dos principios xerais contidos neste Documento de Forma de Goberno. Dito regulamento deberá ser aprobado pola Rede.

7. Revogación de mandatos

Un grupo, como mínimo, do 15% das mareantes/as que posúan plenos dereitos políticos poderá levar á Rede unha proposta de revogación do mandato dun cargo institucional da Marea Atlántica. A Rede decidirá se admitir a incoación do procedemento de revogación e, nese caso, o grupo de Mediación ou aquel que nunha futura estrutura da Marea Atlántica teña atribuídas as funcións de velar polas garantías e os principios e valores do proceso, designará un equipo instrutor de tres persoas que elaborarán un informe sobre a existencia ou non da contravención do Código Ético, e o seu alcance.

A Rede en última instancia será a que aprobe ou rexeite a proposta de revogación.

8. Participación cidadá

A Marea Atlántica é, ante todo, un espazo para a participación cidadá e a construción da democracia radical, polo que procurará os máximos niveis de participación da veciñanza da Coruña tanto na definición das políticas públicas como no día a día propio da organización.

8.1. Ferramentas e instrumentos para a participación cidadá nas políticas públicas

Seguiranse abrindo e mellorando os mecanismos de participación de diferentes niveis de complexidade, implicación, incidencia e calado para garantir á veciñanza os seus dereitos de participación nas políticas públicas. Para que a xente poida tomar decisións de xeito directo a través da democracia directa nos Orzamentos Participativos, incidir na axenda política a través da intervención directa nos plenos, conversar co grupo institucional a través dos mecanismos de rendición de contas e participación directa que se establezan, abordar de xeito colectivo os retos da cidade, xestionar de xeito directo os equipamentos municipais ou participar neles a través de modelos de xestión inclusivos e actualizados. Traballarase para que todas as medidas activadas, contrastadas e en funcionamento a nivel interno e externo se regulen para que non teñan volta atrás, sempre e cando haxa condicións políticas no Pleno que o permitan.

Todas as decisións máis relevantes, en termos de gasto público ou de creación de modelo de cidade, ou con significativo impacto urbanístico, social ou ambiental someteranse a canles amplas de participación cidadá.

Daráselle continuidade ao traballo en distritos como mecanismo de redistribución de recursos, e como ferramenta para reducir a desigualdade da cidade, así como instrumento para a participación cidadá.

A transversalización da participación cidadá no deseño de políticas públicas deberá seguir estando presente na acción institucional da Marea Atlántica, ben como goberno ben como oposición. Con esta finalidade os avances acadados no mandato 2015-2019 serán o punto de partida para a continuidade da ampliación e afianzamento da inclusión da cidadanía nos procesos de tomas de decisións e de deseño de políticas públicas.

8.2. Carácter da Marea Atlántica como plataforma de participación cidadá

A Marea Atlántica deberá funcionar como unha organización que se adapta aos diferentes contextos, conectada cos barrios e os distritos da Coruña pero sen perder a visión global da cidade e vinculando os conflitos específicos cos conflitos globais que axudan a realizar pedagoxía política dos grandes temas do municipalismo. Así o traballo no territorio será unha das claves da Marea Atlántica, a través dos mecanismos recollidos na estrutura.

A apertura da organización a novas incorporacións, o acompañamento a estas novas persoas, a transparencia nos grupos de traballo e nos proxectos que se están a desenvolver xunto á diversidade nas tipoloxías de participación (presencial e virtual) e o apoio na conciliación serán os mecanismos que a Marea Atlántica activará para que a cidadanía diversa poida participar.

A estrutura da Marea Atlántica terá como liña fundamental a consolidación, transparencia, eficacia e coherencia da súa organización e a posta en marcha de novos espazos de participación e compromiso que darán cabida a novas formas de participación, así como aa extensión da organización para que funcione como transmisor de abaixo a arriba dos desexos políticos da cidadanía.

Para facer efectivas estas vías de participación cidadá, a Marea Atlántica deberá dotarse dos espazos e instrumentos que sexan necesarios. Neste sentido, contará con ferramentas informáticas e plataformas online que permitan a participación estable da mareancia e da cidadanía en xeral, pondo en marcha os mecanismos necesarios para superar a fenda tecnolóxica e permitir a participación efectiva de todas.

A Marea Atlántica terá a súa propia axenda política elaborada a partir do programa electoral e da planificación política anual da organización. Os diferentes grupos da estrutura deberán dar contas dos mesmos ante a Rede cando corresponda.

A Marea Atlántica promoverá, a través dos seus excedentes salariais, unha convocatoria anual de proxectos  para apoiar iniciativas sociais e de innovación na cidade. Así coma toda aquela iniciativa que contribúa ao fortalecemento do tecido e os movementos sociais da cidade a proposta da Rede.

 9. Contratación Pública

A Marea Atlántica seguirá traballando en procesos de contratación socialmente responsables a través das normativas internas, que dentro do marco legal vixente, garantan este reto.

 10.Transparencia

A Marea Atlántica comprométese a profundar, ou a esixir que se profunde, nos mecanismos de transparencia activa e pasiva desenvolvidos durante o mandato 2015-2019, así como a consolidar estas conquistas coa elaboración dunha Ordenanza de Transparencia e dun Código Ético e de Bo Goberno.

A Marea Atlántica comprométese a poñer a información a disposición da cidadanía de maneira accesible, reutilizable e interoperable. Para isto farase uso das súas Redes Sociais, das plataformas online desenvolvidas e das canles de comunicación necesarias para facer divulgación.

Dentro da súa loita contra a corrupción e a opacidade na administración pública, a Marea Atlántica procurará poñer á disposición da cidadanía toda a información precisa para que esta poida fiscalizar a acción de goberno, e comprométese a facer público o seu plan de goberno para o conxunto do mandato e a desenvolver unha ferramenta que permita facer un seguimento preciso do seu grao de cumprimento.

As contas da Marea Atlántica deben ser públicas. A estes efectos, semestralmente a Marea Atlántica publicará as súas contas na súa propia web, así como en redes sociais e outras canles de comunicación da Marea Atlántica.

A axenda do grupo institucional debe ser pública e estar accesible a través da páxina web da Marea Atlántica.