Saltar ao contido

A convocatoria da Fundacion Biodiversidade, aberta ata o 22 de decembro, pode supoñer ata 4 millóns de euros para a cidade

María García: “Para os ríos de Feans e de Quintas deixamos proxecto redactado e permisos concedidos, pero non houbo máis avances dende 2019. A oportunidade é boa tamén para actuar no Rio Monelos e o Parque Cidade no Martinete ”

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, reclámalle ao goberno local que aproveite a convocatoria de axudas para a renaturalización das cidades españolas, convocadas pola Fundación Biodiversidade con fondos europeos, para avanzar nos proxectos de recuperación dos ríos Feáns e Quintas  elaborados no mandato da Marea Atlántica e paralizados desde entón. “Con Xulio Ferreiro puxemos en marcha estes proxectos, deixamos os permisos conseguidos e todo preparado para crear novos espazos de lecer para a veciñanza, no que gozar da natureza, pero desde maio de 2019 non houbo un só avance máis”, explica García. A convocatoria da Fundación é ademais unha boa oportunidade para abordar a restauración do río Monelos alí onde aínda é posible.

Estas axudas, que achegan entre 2 e 4 millóns de euros por proxecto, poden solicitarse ata o 22 de decembro e están destinadas “ao incremento da infraestrutura verde e a conectividade de espazos verdes e azuis”, polo que encaixan perfectamente coa naturalización dos ríos Feáns e Quintas e a creación de sendas fluviais. 

En Palavea, o rio de Quintas é o unico espazo para pasear afastado dos coches. Feáns, Novo Mesoiro e o Martinete, o río Monelos actúa de conector co resto da cidade. A convocatoria tamén serviría para avanzar en propostas coma o Parque Cidade, un proxecto que, ao igual que os anteriores, son acordos co noso grupo que o goberno local se comprometeu a desenvolver, pero está incumprindo. Non deberían deixar pasar esta ocasión de obter financiamento europeo. 

A Coruña tiña cinco ríos, coma o famoso río Monelos que agora só sobrevive no nome dunha rúa e na memoria cinematográfica, ou o de Pastoriza. “Foron canalizados e tapados con formigón en nome do progreso, pero agora na maioría das cidades europeas estase dando o proceso inverso, o de recuperar e poñer en valor os espazos fluviais, para mellorar a calidade de vida da veciñanza e tamén a adaptación a cambio climático que xa está aquí”, explica María García. 

No pasado mandato, o goberno da Marea Atlántica apostou por seguir este camiño de naturalización dos ríos, igual que eliminou as verteduras contaminantes no programa ‘vertido cero’, limpando o río de Quintas en Palavea. Agora, instamos ao equipo de Inés Rey a non quedar atrás e continuar por este camiño que ademais supón unha mellora dos espazos verdes nos barrios.

O goberno local ten que a aproveitar os fondos da Fundación Biodiversidade para naturalizar os ríos da Coruña