Saltar ao contido

Mentres o Estado e a Xunta elaboran os seus plans para investir os fondos Next Generation EU, A Coruña non pode permanecer en silencio e sen propostas

Rexistramos tamén unha moción para pedir que se recuperen todos os proxectos inactivos na área de deportes


O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá no Pleno de mañá, xoves 14 de xaneiro, unha moción para reclamar que os fondos post-covid do programa europeo Next Generation EU sexan investidos en proxectos con garantías ambientais, que realmente contribúan á transición cara un novo modelo económico, e teñan en conta ás cidades. Tamén levaremos unha proposta para reactivar os proxectos pendentes na área de Deportes. 

Como sinala o texto da nosa moción, a Xunta e o Estado están a presentar xa as súas propostas para investir estes fondos do denominado Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, e “resulta difícil de entender que A Coruña e a súa área metropolitana, principal motor económico de Galicia e especialmente afectada pola pandemia debido ao gran peso do sector terciario, se vexa excluída e unha vez máis fique en silencio, sen elevar as súas demandas”. 

Proxectos de cidade

Por iso, queremos instar aos gobernos autonómico e estatal a escoitar ás cidades, as grandes esquecidas no deseño e reparto dos fondos. E pedirlle ao executivo local que reivindique os proxectos “xa maduros, preparados para executarse e que combinan a compoñente de dinamización da economía, a transición ecolóxica, a transformación de modelos produtivos e a mellora da calidade urbana”. Xusto as liñas estratéxicas que a Unión Europea recomenda para os fondos Next Generation. 

Non se pode desaproveitar esta oportunidade para impulsar a conexión ferroviaria a Langosteira, mellorar o tren a Ferrol e a Lugo avanzando no transporte público de cercanías, crear o operador eléctrico municipal, fomentar a mellora enerxética da cidade, rehabilitación de vivenda, o impulso da infraestrutura verde e as solucións baseadas na natureza. “É unha oportunidade para a transformación dos peiraos interiores e para o impulso da economía verde e azul neste pulmón económico metropolitano que é o porto”, engade o texto. 

Deportes, a concellería dos bandazos. 

A Marea Atlántica rexistrou, ademais, unha moción para reactivar a área municipal de Deportes, que con dous responsables en ano e medio e actualmente en mans dunha concelleira tránsfuga, acumula proxectos paralizadas, falta de diálogo e contratos caducados. “É a concellería dos bandazos”, tal e como sinala o texto. 

Deste xeito, instamos ao goberno municipal a axilizar a ampliación do rocódromo de Riazor e a homologalo para competicións internacionais; ademais de a reformular o proxecto de pista de skate na praza José Toubes, de Catro Camiños, recuperando o consensuado en 2018 coa Asociación Coruñesa de Skate (ACS). 

A falta de interlocución co tecido asociativo leva a que proxectos coma estes se deseñen de costas ás persoas que os van usar. Por iso tamén reclamamos que se convoque canto antes o Consello Municipal de Deportes, do que nada se sabe pese a ter sido anunciado en 2020. 

Reclámase tamén a devolución das cotas que se lle cobraron ás persoas usuarias do polideportivo de San Diego pese a non darlles servizo, e a fiscalizar á empresa concesionaria que non deixa de incumprir o contrato

A de San Diego, como moitas outras concesións da Concellería de Deportes, está caducada. É o momento de recuperala, apostando por unha xestión pública que mellore a calidade do servizo, e pola implantación dun carné único para o uso de todas as instalacións deportivas municipais. 

Finalmente, queremos instar ao executivo local a regularizar á maior brevidade todos os contratos caducados da Concellaría de Deportes, especialmente o das escola deportivas, que segue sen renovarse a pesar de que se prometeu que estaría listo en setembro. Deixa no aire o emprego de máis de 30 persoas.

Demandaremos no pleno que os fondos europeos post COVID se invistan en proxectos con garantías ambientais e non ignoren ás cidades