Saltar ao contido

Desde abaixo, coas nosas mans, as mulleres de todo o mundo autoconvocámonos á folga feminista o próximo 8 de marzo

Durante moitos 8 de marzo as feministas saímos á rúa, pero a invitación que no 2017 fixeron as feministas arxentinas baixo o lema de Ni una menos, vivas nos queremos e que convocou a millóns de mulleres de 70 países, deixou claro que xa non era posible mirar cara outro lado ignorando o imprescindible papel das mulleres na sociedade.

Desde a Marea Feminista apoiamos á Comisión 8M e á plataforma que se creou para organizar a folga feminista, igual que fixo o Pleno do Concello da Coruña na moción aprobada o 5 de febreiro. Estamos cunha folga que visibiliza “a nosa forza, a nosa rabia e dor e á vez a nosa alegría compartida de sabernos fortes”. Unha folga que non se reduce ao ámbito laboral, pois a participación das mulleres é central en todas as esferas da vida. Tamén se chama a parar nos espazos onde somos invisibles: nos coidados, no consumo, na vida estudantil e asociativa…

Porque sen as mulleres párase o mundo. Porque sen as mulleres nin se produce nin se reproduce, xa que somos as principais encargadas dos traballos familiares, centrais para a vida, e sabemos mellor que ninguén que non é o mesmo traballo que emprego (e salario). Unhas tarefas de coidados e de fogar que tamén recaen nas mulleres cando son remuneradas, a miúdo en mulleres migrantes e en situación irregular, que soportan condicións de precariedade extremas.

Porque as mulleres sufrimos unha fenda salarial dun 22,3% respecto dos homes, con situacións laborais máis precarias, con maior temporalidade e facilidade para o despido.

 

Se paramos todas, paramos todo

Convocámonos todas para crebar os privilexios dunha sociedade patriarcal e capitalista, racista e heteronormativa. Convocámonos todas a esta folga para denunciar como o modelo social perpetúa un control masculino que leva séculos a causar traxedias.

Sexa este 8 de marzo un día para todas as loitas contra as violencias machistas, polo dereito sobre o noso corpo e a nosa vida, pola xustiza social, a vivenda, a saúde, a educación, a soberanía alimentaria e a laicidade, contra as guerras e a criminalización do feminismo, contra o extractivismo e os tratados de libre comercio, a explotación e moitas outras loitas colectivas. Para mostrar que hai outras formas sociais e económicas posibles, desde o ecofeminismo, o respecto á vida e á diversidade.

Sirva esta folga para reclamar que a axenda feminista sexa unha prioridade para todas as administracións públicas, para que os discursos e minutos de silencio veñan respaldados por recursos suficientes, tanto económicos como persoais. Para que as organizacións revisen as súas lóxicas de poder patriarcal, para democratizar os espazos incorporando a formación específica en xénero e a xestión das diversidades, por unha participación horizontal e igualitaria.

Na Coruña, o 8 de marzo, faremos visible a folga cunha concentración no Obelisco, ás 19.00 horas, sumándonos ao chamamento unitario dos colectivos feministas da cidade. Autoconvocámosnos para crebar o patriarcado con ledicia, con forza, con esperanza porque sabemos que somos moitas, pero seremos máis. Porque se paramos todas, párase todo.

 

 

Neste 8 de marzo paramos todas pola folga feminista