Pedimos unha explicación sobre os motivos para anunciar o programa na mesma tarde na que comezaban as actividades e concertos
No último Pleno, o PSOE votou a favor de darlle apoio ao sector cultural cunha batería de medidas propostas polo noso grupo. Manter oculta a programación cultural é un mal xeito de cumprir este acordo
O grupo municipal da Marea Atlántica vén de rexistrar unha solicitude de acceso aos contratos asinados polo Concello, tanto artísticos coma doutro tipo, para a organización por sorpresa das festa para a semana do Rosario. O programa coñeceuse de xeito repentino o xoves 7 de outubro tan só unhas horas antes do inicio das actividades. Pediremos explicacións sobre os motivos que levaron a adiar ata o último momento a presentación dos concertos previstos, a través dunha única nota de prensa.
É moi difícil entender esta renuncia á promoción dun ciclo no que participan Kiko Veneno, Zenet, León Benavente, Cariño e Garufa Blue Devils, ademais das corais e as actividades infantís nos barrios. Non só priva á veciñanza de acceder ás festas, tamén desaproveita a oportunidade de sumar un atractivo turístico nesta fin de semana de ponte.
Este día 7, mentres se anunciaban atropeladamente as festas do Rosario, o PSOE votaba a favor dunha moción da Marea Atlántica, aprobada por maioría, na que reclamabamos respecto para o sector cultural e o cumprimento das medidas acordadas para apoialo. Non manter oculta a celebración de concertos é un bo xeito de amosar ese apoio que tanto precisa un dos sectores máis castigados pola crise. Agardamos que, como mínimo, o executivo local comece a cumprir as súas promesas e presente, antes de final de ano, o regulamento para un novo Consello Local da Cultura, tal e como se comprometeu co noso grupo.
Estamos, en todo caso, ante un síntoma máis do caos permanente no que vive a Área de Cultura deste goberno, privada dunha concellería propia por mor das loitas internas do PSOE, e abandonada por quen ten agora as competencias directas, a alcaldesa Inés Rey. O sector merece outra cousa.