Iago Martínez: “Animamos á veciñanza a acudir á feira, seguindo as instrucións da organización e extremando o coidado. Cultura e saúde pública deben ser compatibles. A cultura combina con todo”
Lamentablemente, a participación de librarías da cidade é baixa este ano. Nin a Xunta nin o Concello souberon adaptar o formato ao momento actual
O vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, participou hoxe na inauguración da 49 edición da Feira do Libro da Coruña, e saudou que poida celebrarse grazas ao compromiso das librarías, e a pesar da situación de pandemia e da escasa implicación do goberno municipal. “Animamos á veciñanza a acudir á feira, seguindo as instrucións da organización e extremando o coidado. Cultura e saúde pública deben ser compatibles. A cultura combina con todo”, sinalou Martínez.
De todos os xeitos, o noso vicevoceiro non puido deixar de sinalar que “doe ver a Feira do Libro da Coruña cunha participación tan baixa, nomeadamente de libreiros e libreiras da cidade. Nun momento tan duro para o sector cultural e diante das restricións que merman as posibilidades nos eventos de pública concorrencia, era o momento de facer cambios, explorar fórmulas innovadoras e dar apoio ás librarías para facer máis atractiva a súa presenza na feira. Lamentablemente, nin a Xunta nin o Concello se implicaron o suficiente”.
O desinterese do goberno municipal na Feira do Libro foi patente, con nula iniciativa na súa organización. De feito, non a presentou no Concello ata o 30 de xullo, semanas despois de que a Xunta anunciase as datas de celebración E aínda nestes momentos non ten o programa dispoñible na web municipal.
Un signo máis da parálise absoluta na que se atopa a área de Cultura. “As políticas culturais están a padecer unha involución sen precedentes no último ano, como vimos denunciando e como poñían de manifesto estes días os profesionais e as profesionais do colectivo VAI CORUÑA”, explicou Iago Martínez.
Convenio coa Asociación de Librarías da Coruña
Pola nosa banda, a Marea Atlántica propuxo e logrou a que se aprobase este xoves, no Pleno, un convenio de 15.000 euros coa Asociación de Librarías da Coruña, entidade de recente creación, para a organización de actividades de promoción da lectura no último trimestre do ano. Pero non é suficiente.
Iago Martínez reclamou “máis implicación e iniciativa por parte do goberno municipal, e máis diálogo co sector para que non se repitan episodios como o do contrato de compra de libros para as bibliotecas municipais, aberto en maio de costas ao sector e cancelado pouco despois tras seren impugnados os pregos”.
O sector cultural é, en Galicia, o que máis está a acusar a crise, cun nivel relativo de destrución de emprego superior ao de calquera outro sector, por diante da construción. Insistimos: temos que impulsar un Plan de Choque Cultural, facer da Coruña un porto refuxio para a cultura.