A pesar das advertencias e de ter seis meses para preparar o inicio do curso, os primeiros rebrotes nas aulas collen á Xunta e ao Concello sen un plan, e ás familias sen apoio
A Marea Atlántica reclámalle á Xunta de Galicia e ao Concello da Coruña que poñan en marcha, urxentemente, medidas de conciliación e axudas para as familias que terán que gardar corentena por mor dos casos de COVID19 rexistrado en dúas aulas do colexio Ramón de la Sagra e outra no Fernández Latorre. Alén do peche dos espazos educativos e a desinfección do centro, é necesario ofrecerlle unha alternativa ás persoas que terán que quedar na casa en corentena, sen poder acudir á escola ou ao traballo, e sen apoio.
As advertencias sanitarias levan meses sobre a mesa. Desde a Marea Atlántica solicitamos que o reforzo da conciliación fose unha das liñas do plan de choque do Concello da Coruña fronte á pandemia. O motivo era este, ofrecer seguridade e axuda á veciñanza, en lugar de desentenderse. Non todos os fogares teñen os recursos necesarios para afrontar un período de corentena.
Houbo seis meses para preparar a volta ao curso e a Xunta de Galicia, responsable última da Educación, non fixo máis ca improvisar nas últimas semanas. A axuda chegará tarde, pero debería chegar.