Daniel Díaz Grandío criticou que se tramite de urxencia un plan de seis millóns de euros, sen tempo para achegas: “É un proxecto necesario, pero conta con eivas que se poderían ter evitado cunha consulta aos grupos da oposición”

As deputadas da Marea votaron favorablemente porque “toda a axuda é pouca para loitar contra o desemprego”, pero criticaron a falta de claridade nos criterios sociais e territoriais, e nas axudas ás cooperativas

O voceiro da Marea Atlántica na Deputación, Daniel Díaz Grandío, criticou esta mañá a falta de diálogo que do goberno provincial na elaboración do seu Programa de Emprego, ao contrario do que prometera o presidente, Valentín González Formoso. “É un proxecto moi necesario, pero conta con eivas que se poderían ter evitado cunha consulta aos grupos da oposición”, afirmou.

En concreto, referiuse á que non está claro como se vai garantir a calidade dos postos de traballo que se vaian crear, nin o equilibrio territorial dos investimentos. Tampouco está ben encaixado o papel das cooperativas e outras formas de organización distintas das empresas. “É unha magoa que un plan tan importante, dotado con seis millóns de euros, non se elaborara dun xeito máis plural para evitar erros”, afirmou.

Na súa intervención na sesión plenaria, explicou que “o noso voto será favorable por un motivo evidente, atopámonos ante unha situación de emerxencia social e toda e toda a axuda na loita contra o desemprego é pouca. Pero lembro que “cando soubemos por primeira vez deste Programa de Emprego foi en novembro, durante o debate orzamentario. Daquela, o presidente comprometeuse a manter un diálogo con todos os grupos, os alcaldes… Pero non o fixo. Non se nos chamou”.

Díaz Grandío sinalou que “é importante crear emprego, pero non calquera emprego, como xa dixemos cando neste pleno se aprobou o clausulado social”. Porén, aínda que no texto do programa fálase de actuacións “socialmente responsables”, pero non se aclaran cuestións tan básicas como se van contar os criterios sociais á hora de outorgar subvencións a empresas ou se vai ser imprescindible o cumprimentos dos convenios colectivos. “Vanse concretar nalgo as boas intencións?”, preguntou.

Exclusión das cooperativas

Tamén criticou que “existen numerosas procesos de subvención á iniciativa empresarial en que o modelo das cooperativas ou ben é excluído ou ben ten un plan especifico. Que se pensa facer con este tipo de iniciativas, maioritarias entre aquelas persoas sen posibilidade de grandes investimentos?”.

Finalmente Díaz Grandío referiuse a que “en distintos puntos do plan fálase do equilibrio territorial á hora da distribución do investimento. Pero en que criterios se vai fundamentar? No número total de habitantes das localidades? No número de persoas en situación de desemprego? Nas potencialidades económicas das distintas comarcas?”.

Todas estas dúbidas, que non son menores, poderían terse solucionado se o goberno provincial iniciara un proceso de diálogo coa oposición, tal e como prometera no seu día. “Insistimos, trátase dun proxecto positivo, que apoiamos, pero no que de verdade nos gustaría ter participado”, explicou o voceiro da Marea Atlántica.

As cadeas da Lei Montoro

A modo de conclusión, Daniel Díaz Grandío celebrou que o Programa de Emprego da Deputación conte con liñas específicas de axuda para a contratación para que os concellos poidan prestar servizos imprescindibles, pero “non debemos esquecer que se os municipios se ven obrigados a recorrer a estes mecanismos para cubrir ditos servizos é porque a Lei Montoro lles impide contratar por si mesmos. Isto, no futuro, vai ser un problema moi grande”.