O documento, datado en xuño de 2020, pon en dúbida a autoría de varias pezas expostas pola Xunta nunha mostra en Lalín; Inés Rey, presidenta da fundación, mantívoo escondido
Rexistraremos varias preguntas no Pleno para coñecer os motivos e solicitamos a inmediata convocatoria do padroado para analizar a situación
A Marea Atlántica esíxelle explicacións a Inés Rey por ocultarlle ao padroado da Fundación Seoane un informe que pon en dúbida a autenticidade de varias obras atribuídas ao artista. Como sinala Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica e representante neste organismo, “o que sinala este documento é de extraordinaria gravidade, como o é que a alcaldesa da Coruña nos ocultase a súa existencia. Pediremos que rinda contas”.
Segundo se publicou esta fin de semana en eldiario.es, o informe foi elaborado por expertos da institución en xuño de 2020, sinalando que 18 das 26 obras que a Xunta expuxo nunha mostra en Lalín coa sinatura de Luis Seoane poderían non ser do artista ao que está consagrada esta fundación de titularidade municipal. Porén, Inés Rey, presidenta da fundación, mantívoo oculto até o día de hoxe.
Esiximos saber por que non o presentou na xunta xeral ordinaria celebrada o 25 de novembro e presentaremos varias preguntas no vindeiro Pleno para coñecer os motivos e as accións que pensa impulsar de agora en adiante. Tamén solicitaremos acceso a este informe, por se houbese máis información que a publicada, e esiximos que se convoque con urxencia ao padroado para dar conta do asunto e retomar os compromisos pendentes do goberno municipal.
Filtracións na sede da Seoane e 800.000 euros sen investir
O máis grave destes incumprimentos é o das obras de reforma que precisa a sede da Fundación Seoane, afectada por filtracións de auga. Iago Martínez lembrou que entre os nosos acordos co PSOE para os Orzamentos 2020, asinados en decembro de 2019, estaba o de investir 800.000 euros nestas tarefas. “Mentres vemos ao goberno incumprir outro compromiso, as filtracións no edificio continúan e o risco de afección sobre o legado de Seoane tamén”, sinalou Martínez.
Na última xuntanza do padroado, Ines Rey negouse a dar explicacións sobre o estado de tramitación desta obra nin ofrecer solución ningunha para frear o deterioro da sede da Fundación Seoane. Unha vez máis, amosa que non ten a cabeza nas tarefas de goberno.