Saltar ao contido
Pazo de María Pita

Pedirémoslle explicacións  ao goberno local por ocultarlle ao Consello da Memoria o informe que aconsella retirarlle as honras a Molina e Barrié

María García: “É un escándalo que o equipo de Inés Rey tivese este documento desde hai ano e medio e non o compartise. Teñen que render contas” 

A investigación do Instituto Cornide tamén documenta que Peñamaría de Llano participou activamente na represión franquista. E pese a coñecer os datos, o PSOE votou en contra de retirarlle as honras no pasado Pleno

A Marea Atlántica esíxelle ao goberno local que dea explicacións por terlle ocultado ao Consello da Memoria Democrática un informe do Instituto Cornide que recomenda retirarlle as honras a Alfonso Molina, Pedro Barrié de la Maza, Peñamaría de Llano e outras figuras que se destacaron pola súa colaboración coa represión e a ditadura franquista. 

Este informe foi encargado polo Consello da Memoria Democrática en novembro de 2019. E, segundo as informacións publicadas hoxe na prensa, foi entregado hai ano e medio pero o goberno local escolleu gardalo nun caixón en lugar de dalo a coñecer. A nosa voceira, María García, considerou “escandalosa” esta ocultación, e adiantou que esixiremos unha rendición de contas. 

Tras coñecer os feitos, a Marea Atlántica rexistrou de inmediato unha solicitude de acceso ao informe, que foi contestada polo executivo local coa convocatoria do Consello e o envío do documento, algo que debería terse producido hai un ano. 

Mantén o PSOE o compromiso coa Memoria Histórica?

Unha das figuras mencionadas no estudo do Instituto Cornide é a de Sergio Peñamaría de Llano, recoñecido falanxista que participou directamente na represión en lugares coma o Barco de Valdeorras. “E resulta incomprensible que, coñecendo esta información, o PSOE votase xunto co PP no último Pleno en contra dunha iniciativa para retirarlle as honras a Peñamaría de Llano”, lembrou María Garcia. 

A nosa portavoz amosou preocupación porque “se produza unha involución no compromiso do Concello da Coruña coa Memoria Histórica, logo dos avances do pasado mandato, librando o rueiro dos nomes de ducias de asasinos, creando o Consello da Memoria Democrática e a Oficina de Atención ás Vítimas do Franquismo”. 

O goberno local ten que explicar porque ocultou o informe que aconsella retirarlle as honras a Molina e Barrié