Saltar ao contido

O grupo municipal rexistra unha pregunta oral para que Inés Rey informe no próximo pleno como vai satisfacer todos os compromisos pendentes antes de final de ano

María García: “A maioría dos pactos referíanse a proxectos xa iniciados, que se poderían ter cumprido en cuestión de meses. Tres de cada catro seguen no caixón”

A Marea Atlántica realizará no vindeiro Pleno, o 1 de outubro, unha pregunta oral para esixir explicación polo sistemático incumprimento dos acordos asinados co PSOE, tanto para a investidura e o primeiro ano de mandato, como para a aprobación dos Orzamentos e as ordenanzas fiscais de 2020. “O nivel de respecto á palabra dada é baixísimo, levamos 15 meses de goberno e tres de cada catro puntos do pacto de investidura seguen sen cumprirse. E iso que a maioría eran proxectos xa iniciados e poderían terse cumprido nos primeiros meses. Denunciámolo xa en maio, pero a situación non mellorou”, sinala a nosa voceira María García. 

Entre os acordos orzamentarios, segue pendente sacar tamén un novo contrato de Axuda no Fogar, para reforzar un servizo que xa era moi demandado antes da pandemia e agora recibe máis solicitudes cada mes. O mesmo ocorre coa ampliación do servizo de canguraxe, que sería básica para reforzar a conciliación nestas datas, e con diversas obras obras nos centros escolares da cidade, desaparecidas neste inicio de curso. 

Dentro do pacto de investidura.  a creación dun operador enerxético 100% municipal, completamente conxelada desde hai meses, pese a tratarse dun recurso moi necesario nestes momentos para combater a pobreza enerxética, loitar contra o cambio climático e impulsar a creación de emprego. Nada se sabe tampouco da redución das tarifas de bus para maiores de 65 e menores de 25 anos, a creación dunha bolsa pública de alugueiro ou a desafectación de San Vicenzo de Elviña. 

A única novidade, o transfuguismo

No caso dos Orzamentos 2020, a inmensa maioría das 123 medidas que a Marea Atlántica sumou ás contas municipais seguen gardadas nun caixón. E polo menos 45 foron deliberadamente incumpridas: diversas obras nos barrios, investimentos no espazo público, concursos abertos para financiar proxectos culturais… É moi grave a desaparición dos fondos para evitar a entrada de auda de mar na depuradora de Bens, unha necesaria mellora no saneamento, agora máis importante ca nunca. 

Cada semana que pasa seguen a acumularse incumprimentos, e a única resposta do PSOE polo de agora foi unha crise de goberno que non resolve nada e incorpora a unha concelleira tránsfuga procedente de Ciudadanos. En palabras de María García, “estamos a ver un xiro á dereita moi preocupante, porque se afasta da maioría progresista do Pleno, elixida pola cidadanía, e na que Inés Rey se apoiou para chegar a ser alcaldesa. Por iso exisiremos explicacións”.

Exisimos que a alcaldesa explique o incumprimento dos acordos para a investidura e os orzamentos