Saltar ao contido

María García: “O único que lle preocupa a Ines Rey e a Feijóo é ter unha foto. A alcaldesa terá que acalarar por que antes ‘rozaba a ilegalidade’ pagar 22 millóns do Concello e agora poñer 26,3 é unha cousa estupenda”

O convenio non cumpre as promesas á veciñanza afectada: prevé ampliar o hospital cara ao suroeste, sobre as casas

O noso grupo rexistrará un voto particular para denunciar e resolver as carencias e irregularidades do proxecto

A Marea Atlántica presentará un voto particular para denunciar as irregularidades e carencias na tramitación do convenio coa Xunta de Galicia para a ampliación do CHUAC, que non respecta os compromisos do executivo local. Os grupos da oposición enteráronse pola prensa da convocatoria do Pleno e non recibiron a documentación ata as 21.00h deste luns: nin doce horas para revisar e ditaminar un proxecto de case 460 millóns de euros e enorme impacto económico, social e urbanístico. Un proxecto que, ademais, non foi ditaminado na Comisión de Urbanismo, como correspondería, e que ben podería aprobarse no Pleno ordinario do 4 de febreiro, cumprindo os prazos. Pero a alcaldesa negouse. 

A nosa voceira, María García, argumenta que “parece que o único que lle preocupa a Inés Rey e Feijóo é ter unha foto para disimular os seus problemas na xestión da pandemia. E para iso a coller todos os atallos, pasando por riba da oposición e da veciñanza afectada”.

“Inés Rey tamén terá que explicar por que dixo que pagar os 22 millóns de euros previstos no primeiro borrador do convenio era ‘desproporcionado’ e ‘rozaba a ilegalidade’, pero agora é marabilloso que o Concello teña que poner 26,3 millóns, sen contar as exencións fiscais a perpetuidade, nun proxecto que é competencia da Xunta”, engade María García. Nada neste novo documento amaña as supostas irregularidades do anterior, semella que a alcaldesa limitouse a dicir a todo que si e cumprir a vella tradición do PSOE coruñes de pactar coa dereita na Xunta. 

Doutra banda, abonda unha ollada ao convenio para comprobar que a alcaldesa lle mentiu á plataforma veciñal de persoas afectadas pola ampliación do hospital. Prometeulle que as obras se centrarían no aparcamento na dirección do parque de Eirís, pero tanto a licitación como a documentación do proxecto contan outra historia: o crecemento do CHUAC será cara ao suroeste, xusto sobre a zona habitada. O plan de mobilidade tamén prevé o realoxo das persoas ás que lles expropiarán a casa. “A alcaldesa tamén terá que dar explicacións sobre estas mentiras”, di García. 

Non se entende, desde logo, semellante urxencia nunhas obras que non comezarán ata 2023, con sorte. Para a nosa voceira, “o único urxente aquí, insisto, é a foto con Feijóo. No seu afán pola propaganda, por disimular a situación de parálise nun concello sen orzamentos nin proxecto para 2021, Inés Rey está a sacrificar todo o demais”. 

García engade que “desde logo que a ampliación do hospital é importante, xa o era cando se presentou o Plan Director en 2001, ese que aínda está sen rematar e que se recicla agora neste plan de ampliación cunha nova capa de pintura. Pero iso non xustifica mentir e retorcer os procedementos. E tampouco pode facernos esquecer as verdadeiras urxencias: desfacer os recortes, rematar coa precariedade laboral e coa falta de recursos na sanidade pública. Pero nesa foto Feijóo non quere estar”.

Esixímoslle explicacións á alcaldesa pola chapuza e as mentiras no convenio coa Xunta ampliar o CHUAC