A concelleira da Marea Atlántica e presidenta da Comisión de Benestar Social, Silvia Caméan, solicitou acceso ao expediente do programa municipal de bolsas comedor para analizar as causas das denegacións masivas, máis dun milleiro, que se produciron este curso. “Segundo os datos facilitados polo propio goberno, houbo 1.177 solicitudes rexeitadas, das que 510 foron por falta de documentación, e nas que existiron, como mínimo, 65 casos de erros imputables á Administración. É inasumible, e o resultado é que se concederon 441 axudas menos que o ano pasado”, argumenta Cameán.
Ante esta situación, o grupo municipal da Marea Atlántica revisará a fondo as causas de denegación, e volverá solicitarlle ao goberno do PSOE que abra un verdadeiro prazo de subsanación para todas as bolsas denegadas, ante as inasumibles cifras de rexeitamentos e o elevado número de erros detectados. “A ampliación do prazo de alegacións, anunciada este martes, está a ser confusa e as familias están a atopar problemas para presentar documentación. O que agardamos dun goberno preocupado pola infancia son solucións reais, non escusas para cubrirse as costas”. sinalou Silvia Cameán.
Abonda de esperar por unha axuda imprescindible
A edil volveu reclamar, como xa fixo esta semana na Comisión de Benestar Social, “que se resolvan de inmediato todas as bolsas comedor que están concedidas, para reducir ao mínimo a demora ata que as familias poidan cobrar a axuda, que xa é moi longa”. E engadiu que “en moitos fogares, as axudas para o comedor son fundamentais para garantir unha alimentación saudable para as nenas e nenos, polo que deben tramitarse como unha prioridade, con máximo rigor”.