Tras un encontro con diversas asociacións protectoras de animais, recollemos a súa demanda de expandir o programa de xestión ética de gatos ferais na cidade
A Marea Atlántica reclámalle ao goberno local que amplíe o programa de colonias felina controladas na Coruña, posto en marcha no anterior mandato para a xestión ética da poboación gatos ferais na cidade, da man do asociacionismo cidadán. O grupo municipal da Marea mantivo esta semana un encontro con organizacións protectoras de animais coma Coruña Gatuna, Felinos Felices e outras, recollendo as súas demandas para a expansión e mellora desta iniciativa, tal e como figura o no noso acordo orzamentario co PSOE.
En lugar de recorrer á vía da sanción e o sacrificio, como fixeran gobernos anteriores, cun método tan cruel como ineficiente, o goberno de Xulio Ferreiro estableceu convenios de colaboración con entidades animalistas seguindo os programas de captura, esterilización e solta. Así, o Concello asume os gastos de esterilización e desparasitación mentres as asociacións se ocupan da alimentación controlada e a captura dos felinos, con resultados moi satisfactorios.
Máis de 200 animais esterilizados en 2019
Segundo as protectoras, en 2019 foron esterilizados máis de 200 animais grazas a este programa, con efectos moi positivos para os animais e a salubridade dos barrios. Nestes momentos, o programa ocúpase de 11 colonias felinas na Coruña, pero as asociacións están a detectar outras que poderían beneficiarse tamén da xestión ética onde se poderían abordar colonias incipientes, como A Silva, Sofía Casanova, Eirís ou a zona da estación de tren.
Ademais, debería reforzarse a actívidade con campañas de información e sensibilización sobre como funcionan as colonias felinas e sobre a importancia das políticas de benestar animal. Porque o xeito no que tratamos a outros seres vivos di moito da sociedade que queremos ser.