Saltar ao contido

Turismo é a peor área, con tan só o 21,4% dos seus fondos investidos. Vai seguida de Alcaldía (31,2%), Emprego (31,4%), Servizos Sociais (37,2%) e Urbanismo (39,3%) 

Segundo os datos oficiais do goberno, o capítulo de investimentos só se executou nun 19% cando xa pasaron tres cuartas partes do ano: quedan máis de 40 millóns que non se están a empregar para beneficiar á cidade

A Marea Atlántica denuncia que, á data do 21 de outubro, cinco das nove áreas do goberno de Inés Rey tiñan entre o 80 e 60% do seu orzamento sen gastar.  É dicir, que transcorridas tres cuartas partes do ano, Alcaldía, Turismo, Emprego, Servizos Sociais e Urbanismo teñen un grao de execución orzamentaria por baixo do 40%, segundo os datos oficiais do goberno, aos que o noso grupo solicitou acceso. “Os datos volven retratar un goberno sen ideas, sen impulso e que está a pagar as consecuencias da súa decisión unilateral de non aprobar un orzamento en 2021”, sinala María García, voceira da Marea Atlántica. 

A mediados de outubro, o nivel global de execución nesta data é do 55,61%, con 134 millóns sen gastar no conxunto do orzamento. Pero o máis grave é que no capítulo de investimentos, un dos máis decisivos para a acción municipal, só se executou o 19,14% do previsto: quedan en caixa máis de 40 millóns que non se están a empregar para mellorar a cidade.

O caso máis grave é o da Concellería de Turismo, Comercio e Mercados, con tan só o 21,42% executado a 21 de outubro. Unha cifra moi difícil de xustificar, nunha área marcada polo cese da anterior xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, en pleno comezo da tempada alta e polo proceso opaco e sen garantías co que se designou ao seu sucesor. Na fin da emerxencia sanitaria, Turismo está paralizado, en lugar de apoiando ao sector para unha recuperación sustentable.

Nun momento de crise, parálise na área de emprego

O segundo posto en canto á peor execución é para a Alcaldía, cun pobre 31,32% executado. Moi preto na lista das áreas con peor execución orzamentaria está Emprego cun 31,40%, cifra realmente escasa nun momento de crise e precarización do mercado laboral.  O baixo uso dos recursos públicos foi un dos argumentos empregados para o cese da anterior concelleira, Eva Martínez Acón, pero o certo é que os resultados non melloraron moito co cambio de titularidade na área. Sobre a parálise en Emprego preguntaremos no vindeiro Pleno ordinario do Concello, este xoves 4 de novembro. 

En Servizos Sociais, 6 de cada 10 euros sen gastar

Dúas áreas moi sensibles non chegan tampouco ao 40% de execución: Servizos Sociais e Urbanismo. A primeira queda no 37,21%, afondando nos problemas do ano pasado. Cando a desigualdade e a pobreza están a aumentar na Coruña mes tras mes, é decepcionante que o goberno local non sexa capaz de investir os seus propios fondos para axudar a quen o precisa, non digamos xa impulsar novos programas de xustiza social. Ao igual que na área de Emprego, resulta moi difícil de xustificar esta baixa execución nestes momentos de crise derivada da pandemia.

En canto a Urbanismo, chegou ao 21 de outubro con tan só o 39,31% dos seus fondos investidos, moi pouco para unha das áreas con maior orzamento, e sintomático que que algunhas das súa competencias, como a protección do dereito á vivenda ou as axudas á rehabilitación, non están a exercerse como deberían. 

Entre as catro concellerías restantes, Deportes chegou a executar xusto a metade do seu orzamento entrando xa no último trimestre do ano (50,31%). A media de todas as áreas é do 53,16% executado, unha cifra que só superan Educación e Cultura (64,1%), Facenda (66,00%) e Medio Ambiente (72,25%). Tres áreas nas que o gasto corrente e os contratos teñen un gran peso, pero que non están a impulsar novos investimentos.

 

Cinco das nove áreas do goberno de Inés Rey teñen entre o 80% e o 60% do seu orzamento sen executar a dous meses de rematar o ano