Saltar ao contido

Ambas administracións deben chegar a un acordo para que as escolas infantís municipais ofrezan as mesmas horas de ensino gratuíto que as da rede autonómica

Grazas a un acordo do noso grupo co PSOE, a Coruña foi pioneira en ofrecer o ensino infantil de balde, coma corresponde á educación pública


A Marea Atlántica quere instar ao goberno local da Coruña e ao da Xunta de Galicia a dialogar e poñerse de acordo, evitando agravios comparativos na oferta de educación infantil entre a rede de escolas municipais e a autonómica. Tras reunirnos coa ANPA da Escola Infantil Municipal A Caracola (Mesoiro), recollemos a súa preocupación porque o Concello só financie seis horas de ensino gratuíto fronte ás oito que financia a Xunta, tanto en centros públicos coma privados. 

A concelleira Silvia Cameán trasladou esta preocupación ao Pleno de onte a través dun rogo oral, e sinalou que “compartimos a preocupación da ANPA da Caracola e consideramos que a súa demanda é xusta e importante, pois as administracións públicas deberían coordinarse dun xeito efectivo para garantir a conciliación das familias”. 

Foi grazas a un dos primeiros acordos que o noso grupo asinou co PSdeG neste mandato que A Coruña é pioneira en ofrecer de balde o ensino infantil, tratándoa igual que ao resto das etapas da educación pública. É así desde o curso 2020-2021, un avance ao que a Xunta se sumou só agora.

O goberno galego, quen realmente ten as competencias en educación e moitos máis recursos para exercela, chegou tarde á gratuidade das escolas infantís. Pero agora o executivo local debería procurar un entendemento coa Xunta para evitar a disparidade da cobertura entre dúas redes escolares que deberían ofrecerlle o mesmo servizo á veciñanza. 

Instamos á Xunta e o Concello a dialogar para evitar diferenzas na gratuidade das escolas infantís