Saltar ao contido

Documento de Estrutura 2022

Este documento de Estrutura foi aprobado na Marea Viva de 2022

1. Participación

a. Niveis de participación

  1. Participación externa (nivel cidadán)
  2. Participación estatuínte (nivel Marea Viva, asinantes do manifesto)
  3. Participación activa (nivel Rede, persoas activas)
  4. Participación institucional (nivel institucional, cargos electos e persoal eventual (o contratado pola administración e que pasa a formar parte do Grupo Institucional) e persoas incorporadas por petición expresa do Grupo Institucional. Estas modalidades desenvólvese polo miúdo no documento de Forma de Goberno.

b. Dereitos políticos

Participación externa.- Dereito a participar nas actividades e consultas promovidas pola Marea Atlántica orientadas á cidadanía en xeral.

Participación estatuínte.- Dereito a participar nos procesos de Marea Viva e de primarias do xeito que estabelezan os regulamentos e protocolos da Marea Atlántica en vigor no seu momento, e o dereito ao sufraxio.

Participación activa.- Dereito a formar parte dos equipos que impulsen as actividades e proxectos da Marea Atlántica, dereito a participar na Rede e nas distintas unidades operativas de acordo aos criterios estabelecidos na súa normativa e ratificada pola Rede.

Participación institucional.- Ademais dos contidos nos puntos anteriores, os dereitos estabelecidos pola lexislación vixente para cargos electos e persoal eventual, así coma nos documentos vixentes na Marea Atlántica que sexan de aplicación.

c. Obrigas

En todos os demais niveis, acatar a normativa vixente da Marea Atlántica, asumir e desenvolver as tarefas que, co seu consentimento, lle sexan encomendadas a cada persoa, coa obriga de render contas no caso de asumir unha función específica vencellada a un mandato da Rede. No caso da participación institucional, ademais das anteriores, aquelas que estableza lexislación vixente para cargos electos e persoal eventual.

d. Acceso e abandono

Participación externa.- Voluntariamente.

Participación estatuínte.- Accédese asinando o manifesto (ou principios fundacionais da Marea Atlántica en vigor no seu momento) da Marea Atlántica. Abandónase causando baixa entre as persoas asinantes do manifesto (ou documento análogo) ou polas causas disciplinarias que estableza a normativa interna da Marea Atlántica en vigor.

Participación activa.- Accédese asinando o manifesto (ou documento análogo) da Marea Atlántica e completando o proceso de benvida e acompañamento aprobado pola Rede, preceptivo para a incorporación á mesma. Causarase baixa ben por vontade propia, ben polo estipulado no regulamento da área de traballo de benvidas e acompañamento, ou ben polas causas disciplinarias que estableza a normativa interna da Marea Atlántica en vigor.

Participación institucional.- Accederase a esta modalidade de participación resultando electa nuns comicios, ben por designación coma persoal eventual ou por petición expresa do Grupo Institucional previa información á Rede. Abandónase este nivel de participación ao perder a condición de electa, causar baixa no Grupo Institucional ou causar baixa como persoal eventual (ou situacións análogas).

2. Órganos, funcións e competencias

a. Órganos da Marea Atlántica

A Marea Viva, a Rede, a Coordinadora e a Comisión de Garantías serán os únicos órganos habilitados para adoptar acordos vinculantes para o conxunto da organización. Isto non implica que cos órganos se esgoten as unidades operativas da Marea Atlántica, só que esoutras unidades non terán un papel orgánico, aínda que si funcional. Posteriormente iranse detallando o funcionamento destoutras unidades operativas e o seu encaixe nos órganos.

b. Composición

A Marea Viva.- Composta polas persoas asinantes do manifesto (ou principios fundacionais da Marea Atlántica en vigor no seu momento) da Marea Atlántica.

A Rede.- Está composta polas persoas do nivel de participación activa.

A Coordinadora.- Formada por entre 12 e 16 persoas dos niveis de participación activa e institucional, sen que o número de persoas do nivel institucional poida superar un terzo do total. Calquera alteración sobrevida desta proporción deberá de ser comunicada e ratificada na Rede. A Coordinadora será elixida pola Rede segundo os criterios de paridade, capacidade de escoita e diálogo, funcionalidade, consenso e capacidade de traballo. De entre as persoas da Coordinadora proporase unha voceiría paritaria por tempo determinado, que deberá ser ratificada pola Rede.

Comisión de Garantías.- Formada por entre 3 e 5 persoas do nivel de participación activa da Marea Atlántica. A Comisión de Garantías será elixida pola Rede segundo os criterios de paridade, capacidade de escoita e diálogo, capacidade de traballo, bo talante e compromiso, e deberá tratarse de persoas que acaden un máximo grao de consenso dentro da Marea Atlántica. As persoas que formen parte do Comité de Garantías deberán ter unha antigüidade igual ou superior aos seis meses no nivel de participación activa e formar parte da vida e actividades da organización de xeito habitual.

  1. Funcións e competencias

A Marea Viva.- Aproba as normas de rango estatutario da Marea Atlántica.

A Rede.- É o máximo órgano decisorio entre Mareas Vivas e asume a toma das decisións estratéxicas. Aproba a normativa derivada (regulamentos e protocolos) e define as liñas estratéxicas a través dun plan de actividades anual. Ten a potestade de crear novas unidades operativas. Exerce a función de control. Será a encargada de validar o plan anual de actividades, os orzamentos e as contas da Marea Atlántica.

A Coordinadora.- É o órgano executivo colexiado da Marea Atlántica, elíxese cada dous anos. É a encargada de garantir a prestación dos servizos xerais da organización, en orde a acadar os obxectivos definidos no plan de traballo que a Rede aprobará anualmente. Coordinará o funcionamento da organización seguindo os criterios de transparencia, eficacia, democracia interna e a observancia dos principios políticos e obxectivos da Marea Atlántica coa colaboración das unidades operativas. Gozará de autonomía para crear comisións mixtas entre unidades operativas, coa finalidade de acadar maiores graos de comunicación, transparencia e eficiencia. Asumirá as seguintes tarefas:

  • A coordinación, seguimento e dinamización dos traballos da Marea Atlántica.
  • O mantemento e optimización dos fluxos de información dentro da organización, e nomeadamente entre a Rede e o Grupo Institucional.
  • A toma de decisións funcionais, urxentes ou de xestión que non requiran a aprobación previa da Rede, respectando a autonomía das distintas unidades operativas.

De entre as persoas da Coordinadora proporase unha voceiría paritaria por tempo determinado, que deberá ser ratificada pola Rede. As súas funcións comprenden: ser a voz da vida organizativa da Marea Atlántica, dar a coñecer as resolucións das Redes, introducir na vida política da cidade, cando a ocasión o requira, aqueles debates ou temáticas que sexan avaliados como de interese, sempre que estes conten co consenso. Para lograr estes obxectivos as voceirías contarán cos recursos comunicativos necesarios. As persoas que ostenten a voceiría non deberan ter unicamente a responsabilidade de ser a voz da organización, senón tamén a de repartir voces na organización, procurar e acompañar a compañeiras e compañeiros que sexan voz en asuntos, momentos, procesos e materias concretas.

Para desenvolver as súas actividades, a Marea Atlántica dotarase de unidades operativas que non contarán con carácter orgánico e que estarán formadas polas persoas que están activas na organización. Serán creadas pola Rede a petición da Coordinadora. Existen dous tipos principais de unidades operativas: as Áreas de Traballo e as Comisións. As Áreas de Traballo asumirán os servizos xerais da organización.

As Comisións desenvolverán as liñas transversais de traballo da organización, acollendo aquelas Mareas existentes que desenvolven un traballo continuado, ou que responden a obxectivos políticos da organización.

Comisión de Garantías.- É o órgano independente que velará e garantirá o cumprimento real e igualitario dos documentos, regulamentos e protocolos aprobados pola Rede en base aos criterios de transparencia, eficacia, democracia e observancia dos principios políticos e obxectivos da Marea Atlántica.

Protexerá os dereitos democráticos das persoas asinantes do manifesto da Marea Atlántica (ou documento análogo), dirimirá conflitos internos e emitirá ditames vinculantes baixo a solicitude das persoas activas ou dos diferentes órganos do partido.

Renderá contas anualmente ante a Rede, emitindo un informe de actividades.

As principais funcións da Comisión de Garantías serán:

  • Velar polo funcionamento democrático dos diferentes procesos na Marea Atlántica.
  • Velar polo cumprimento dos documentos estatutarios e normas internas da Marea Atlántica.
  • Emitir informes, dirimir conflitos, a resolución de recursos interpostos, e a protección dos dereitos das persoas asinantes do manifesto da Marea Atlántica (ou documento análogo).
  • Outras funcións que lle sexan atribuidas no seu propio regulamento.

A duración da Comisión de Garantías será bienal.

d. Rendición de contas

Todos os órganos e unidades operativas renderán contas da súa actividade ante a Rede excepto a Marea Viva. A rendición de contas poderá ser a iniciativa propia ou a petición das persoas que forman parte da Marea Atlántica, de acordo á normativa interna da Marea Atlántica.

e. Constitución e cese de actividade

A Rede está formada polas persoas activas na Marea Atlántica, de acordo aos criterios que se estabelezan na súa normativa interna. Non pode disolverse. As persoas que a compoñen poden abandonala segundo se estipula no apartado 1.d.

As unidades operativas serán aprobadas ou constituídas por acordo da Rede a proposta da Coordinadora. Unha vez constituídas disolveranse polo cumprimento dos seus obxectivos, por caducidade, pola vontade das integrantes do grupo ou por inactividade, de acordo co procedemento que estableza a normativa da Marea Atlántica.

f. Relación entre os diferentes órganos

As relacións entre os distintos órganos da Marea son de coordinación, de acordo ás competencias que lles son propias. En ningún caso serán xerárquicas.

g. Réxime de sesións

A Marea Viva terá unha periodicidade bienal. Poderase convocar de xeito extraordinario a proposta da Coordinadora, aprobada por maioría absoluta, dun terzo das persoas con dereito de participación activa ou do 25% das persoas con dereito de participación estatuínte. En todo caso, a convocatoria terá que ser ratificada pola Rede.

A Rede terá unha periodicidade mensual, cando menos. Será convocada pola Coordinadora previo informe da Área de Mediación. Calquera órgano, unidade operativa ou grupo composto a lo menos por cinco persoas con dereito a asistir á Rede poderá propor á Coordinadora a inclusión dun punto na orde do día. En caso de rexeitarse, farase motivadamente e posto en coñecemento da Rede xunto cunha proposta de itinerario para a súa futura inclusión.

A Coordinadora é un órgano permanente. En canto ás unidades operativas, as Áreas de Traballo son permanentes e as Comisións son libres para determinar o seu réxime de sesións.

h. Incompatibilidades entre órganos

Os cargos electos, o persoal eventual e as persoas que ostenten cargos unipersonais de carácter executivo en forzas políticas non poderán ostentar a voceiría da Coordinadora.

3. Ferramentas

a. Incorporación de nova normativa

  1. Tipos de normas

A xerarquía normativa na Marea Atlántica será a seguinte, de maior a menor:

– Normas estatutarias: Son as normas fundamentais da Marea Atlántica. O resto da normativa será derivada destas. Son aprobadas pola Marea Viva.

– Regulamentos: Normas de carácter xeral que definen procedementos que afectan á totalidade das persoas inscritas (o réxime sancionador, a Marea Viva, etc). Son aprobados pola Rede.

– Protocolos: Normas de actuación, que poden ter alcance particular ou xeral e que normalmente serán ben unha norma subsidiaria dun regulamento, ben unha norma funcional interna dunha unidade operativa. Son validados pola Rede.

  1. Iniciativa

As normas estatutarias só poderán ser creadas, modificadas e/ou aprobadas pola Marea Viva.

Os regulamentos poderán ser obxecto de redacción ou modificación a proposta de calquera órgano, unidade operativa ou grupo composto alomenos por dez persoas con dereito a asistir á Rede. Na proposta constarán as persoas que a apoian e, caso de habelos, os votos particulares contrarios. A Rede debaterá a idoneidade da proposta, estabelecerá os criterios para a súa redacción e a composición do equipo redactor e estabelecerá os prazos para a mesma.

Os protocolos poderán ser obxecto de redacción ou modificación a proposta de calquera órgano, unidade operativa ou grupo composto alomenos por cinco persoas con dereito a asistir á Rede.

  1. Debate e aprobación

O debate e a aprobación das normas estatutarias rexiranse de acordo coa normativa aprobada a tal efecto no regulamento da Marea Viva.

No caso dos regulamentos, será presentado un borrador diante da Rede. Unha vez presentado, someterase a un período de achegas e emendas por parte das participantes activas que poderán ser aceptadas ou non polo equipo redactor.

Dentro do período de achegas e emendas convocarase en todo caso unha xuntanza, preferiblemente presencial, na que as participantes activas que así o desexen poidan presentar as súas achegas.

Cando a proposta se leve á Rede será de novo sometida a debate, pero non se poderán achegar emendas novas in voce.

A Rede aprobará ou non o texto remitido polo equipo redactor e as emendas que non fosen aceptadas por este.

Os protocolos serán presentados á Coordinadora, que poderá suxerir achegas, procurando sempre un texto consensuado. O texto final será validado pola Rede.

  1. Aplicación

Todos os órganos e unidades operativas da Marea Atlántica están obrigados a aplicar e cumprir tanto a normativa de carácter estatutario como a normativa derivada.

  1. Vixencia e derrogación

As normas da Marea Atlántica terán o período de vixencia que se indique no seu articulado. Se este período non se explicita, as normas continuarán vixentes ata ser derrogadas por unha norma posterior nas condicións que se explican a continuación.

As normas estatutarias derrogaranse por acordo da Marea Viva.

A normativa derivada derrogarase por acordo da Rede, prioritariamente de xeito explícito, ou cando aprobe unha normativa posterior de igual rango ou superior incompatible coa vixente ata ese momento. En calquera caso, os equipos redactores deberán ter en conta o efecto derrogatorio que poida ter a normativa nova sobre a preexistente, en orde a manter a coherencia do sistema.

b. Metodoloxías de traballo da Marea Atlántica

  1. Ferramentas

Procuraranse metodoloxías que posibiliten o maior numero de intervencións así como a maior diversidade delas nas Redes. Do mesmo xeito procuraranse ferramentas que favorezan a integración de múltiples intelixencias e capacidades.

As metodoloxías deseñaranse en función de que sexan as máis acaidas para a consecución dos obxectivos que a Rede ou grupo se marca, que incorporen o coidado das persoas mais implicadas e que coide do proceso e do grupo no seu conxunto.

As metodoloxías deberán adaptarse para os diferentes momentos e asembleas, sexan estas máis de deliberación e intelixencia colectiva, momentos de decisión, outros con alta intensidade emocional, etc.

Deberán de cumprir os seguintes criterios: que sexan metodoloxías acaídas para a consecución dos obxectivos e que favorezan a participación das mulleres e colectivos minorizados, a horizontalizadade, o empoderamento das persoas, a diversidade tanto de opinións como de formas de participación, a temporalización respectuosa, a conciliación, o emprego de intelixencias múltiples e o mantemento de bo clima grupal.

  1. Proposición e validación das propostas metodolóxicas

A Marea Atlántica ten  varios anos de experiencia con diversas metodoloxías que xa están integradas no seu funcionamento diario, nomeadamente aquelas para os procesos de toma de decisións presenciais ou para os momentos de deliberación e intelixencia colectiva.

As adaptacións das metodoloxías ao grupo en cada momento corresponde á Área de Traballo encargada da mediación para as metodoloxías presenciais e, para as dixitais, a esta en coordinación coa Área de Traballo de ferramentas telemáticas.

Calquera persoa ou grupo pode facer propostas de novas metodoloxías que cumpran cos criterios establecidos e sempre que haxa persoas con formación e experiencia para o seu desenvolvemento.

É a Rede, en todo caso, quen sempre mostrará a súa conformidade coas diferentes metodoloxías, ou a necesidade de melloralas cando o grupo non as considere acaídas para a consecución dos obxectivos, o coidado das persoas ou o coidado dos procesos e do grupo no seu conxunto.

  1. Mecanismos propostos para facilitar a conciliación e os coidados

Favoreceranse formas de participación que faciliten a conciliación. Incorporaranse ferramentas telemáticas e proporcionarase a capacitación necesaria para o seu uso.

Implementaranse espazos para as crianzas sempre que sexa posible e fomentarase o seu emprego.

Todas as metodoloxías deberán deseñarse tendo en conta os criterios de xénero, e favorecendo a participación das mulleres e colectivos minorizados.

  1. Mecanismos propostos para garantir a transmisión de coñecemento adquirido

Crearase coma parte dunha unidade operativa permanente, un espazo de formación continua que se encargue de facilitar a capacitación necesaria para desenvolverse nos diferentes niveis de participación.

A normativa da Marea Atlántica en vigor estará publicada online dun xeito facilmente accesible e comprensible. Ademais, sempre haberá dispoñibles copias en papel na sede para aquelas persoas que non teñan acceso ás ferramentas informáticas.

Do mesmo xeito, dentro da Área de Traballo encargada de acompañamento se asumirán as funcións de benvida das novas persoas que se incorporan á Rede ou de acompañamento das demais, que deberá garantir o coñecemento da normativa básica da Marea Atlántica, dos procedementos e protocolos internos, os recursos necesarios para a correcta participación de todas as persoas, etc.

c. Recursos

  1. Recursos dos que poderá dotarse a Marea Atlántica para o desenvolvemento da súa actividade

A organización dotarase dos recursos necesarios para o desenvolvemento das súas actividades. A tal fin, as competencias económicas serán asignadas a un Área de Traballo, que asumirá a encomenda de buscar novas formas de obter recursos, dentro dos límites do Código Ético e da lexislación vixente e a planificación económica a través dos orzamentos anuais, seguindo os criterios de responsabilidade e transparencia.

Poderanse establecer cotas ou achegas con carácter xeral ou finalista, individual ou colectivo, periódicas ou puntuais, pero en todo caso voluntarias.No caso de externalización dalgunha tarefa (asesoría legal, atención local, etc), como no caso de calquera actividade que precise de recursos económicos, atenderase a un procedemento protocolarizado, aprobado pola Rede.