Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Celebramos a rectificación para non abandonar ás políticas animalistas, pero a época de cria non vai agardar a que rematen os trámites. Hai que actuar xa

A decisión unilateral de prorrogar o orzamento do ano pasado dificulta o traballo do tecido asociativo 

A Marea Atlántica celebra que o goberno municipal da Coruña rectifique a súa decisión de abandonar ás entidades animalistas á súa sorte e acepte seguir cubrindo os gastos das esterilizacións nas colonias felinas éticas. “É unha decisión importante, nun asunto que afecta ao benestar animal, á saúde publica e ao espazo público. Por iso pedimos que non cese o control da reprodución, sería desandar moito camiño no traballo feito”, lembra a nosa voceira, María García. 

Así, tras anunciar a fin dos convenios coas asociacións cidadás que estaban a colaborar na xestión das colonias felinas, a Concellería de Medio Ambiente dá marcha atrás e promete agora renovar estes convenios e financiar as esterilizacións aumentando as contías nun 20%. Para este cambio de opinión foi necesario que os colectivos animalistas reuniran máis de 54.000 sinaturas que o reclamaban. 

María García sinala que “a rectificación é positiva, pero ao ter un orzamento prorrogado pola decisión unilateral de Inés Rey, os convenios van tardar en aprobarse  e entrar en vigor, neste caso e en todos”. Por iso, esíxelle ao goberno municipal que busque unha solución transitoria “para “seguir financiando as esterilizacións, para que non se perdan os avances conseguidos nos últimos anos. A época de cría dos gatos non vai agardar pola tramitación municipal”. O modelo de Captura, Esterilización e Solta en colaboración co tecido asociativo, implantado no mandato anterior, deu bos resultados no control ético da poboación felina, e debe manterse. 

 

 

Como xa sinalamos a semana pasada, a falta dun Orzamento adaptado ao momento de crise sanitaria vai precisar de parches, e un deles ten que ser a tramitación urxente e o aumento dos fondos para apoiar ás entidades sociais, culturais e deportivas da Coruña. Vai rematar o mes de xaneiro e o goberno de Inés Rey segue sen presentar a súa proposta.

Esixímoslle ao goberno municipal que busque unha solución transitoria para manter as esterilizacións nas colonias felinas