María García: “A condonación da débeda é a única saída realista, o 60% das perdas da Autoridade Portuaria da Coruña provén do pago de intereses a Puertos del Estado sen que comezase a amortizar nin un só euro do crédito”
Convocaremos á Comisión do Bordo Litoral para analizar a situación económica do porto e debater os vindeiros pasos nas negociacións coa Xunta e o Estado
María García, voceira da Marea Atlántica, anuncia que nos vindeiros días convocará a Comisión Especial do Bordo Litoral no Concello da Coruña, organismo que preside, para pedirlle ao goberno municipal que dea conta das negociacións coa Xunta e o Estado para elaborar un protocolo sobre o futuro dos peiraos interiores, e dos informes financeiros estado de contas presentados no último Consello da Autoridade Portuaria. Á vista dos datos coñecidos, como di García, “confírmase que o único realista é condonar a débeda”.
Segundo as informacións publicadas na prensa, o porto da Coruña pechou 2020 con 5,8 millóns en perdas, e non por culpa da pandemia. Aproximadamente o 60% das perdas corresponden ao pago de intereses polo préstamo de Puertos del Estado para a construción do porto exterior. Un préstamo que, como lembra García, “ten uns intereses case de usura, dez veces máis altos que o do Banco Europeo de Investimentos, o outro acredor financeiro da Autoridade Portuaria da Coruña. Desde 2011, o porto pagoulle máis de 40 millóns a Puertos del Estado, e só chegou para pagar intereses, non comezou a amortizar nin un só euro do credito cobtraído co Estado”.
En contrapartida, e sempre segundo o recollido polos medios de comunicación, Puertos del Estado rematou 2020 con varios millóns de beneficios, entre os que os que se contan os ingresos financeiros chegados da Coruña. “Como é posible que una administración pública se comporte coma a peor banca privada, todo polo beneficio, e lle cause un prexuízo tan enorme a toda unha cidade”, pregúntase a nosa voceira.
A resposta a esta usura ten que ser a condonación da débeda de 200 millóns que a Autoridade Portuaria mantén con Puertos del Estado, e que provén dunha obra de interese xeral coma é a dársena exterior de Punta langosteira. Xa se fixo en Valencia, onde grazas ao compromiso das forzas políticas propias, desapareceu da ecuación unha débeda maior, algo máis de 400 millóns de euros que proviñan dos fastos da Copa América e a Fórmula 1.
Con vontade política, é posible condonar a débeda, e así o reclamou a veciñanza na manifestación celebrada o 30 de maio, co apoio de 70 entidades sociais da Coruña e a área metropolitana.
Manter os consensos dos últimos anos: o porto non se vende
Queremos amosar, igualmente, a nosa preocupación pola falta de avances nas negociacións do protocolo que debe substituír aos convenios de 2004, aínda en vigor, e que prevén a construción de ata 4.000 vivendas en San Diego. Pese a todos os anuncios de desbloqueo, o Concello, a Xunta e o goberno do Estado non ofrecen novidades. En concreto, o goberno municipal continúa denegándolle á oposición a documentación da proposta que levou á ultima xuntanza administrativa, e volveremos a pedir na vindeira sesión.
Polo de agora, non se abandonaron as actitudes preocupantes que temos denunciado, con Feijóo pretendendo facer un pequeno vaticano da Xunta nos Peiraos, e o Estado nunha ofensiva para facer caixa cos terreos, igual que na Maestranza. O silencio das últimas semanas é motivo de alarma.
Desde a Marea Atlántica, coma o primeiro día, seguiremos a reclamar que se manteñan os consensos acadados nos últimos anos, grazas á mobilización cidadá e co apoio activo do goberno de Xulio Ferreiro:
- Condonación da débeda portuaria para levantar a hipoteca sobre os peiraos interiores, tal e como se fixo en Valencia.
- Uso e titularidade públicas dos terreos portuarios. Nada de vender solo para especular.
- Que o porto siga a ser un porto: protexamos a lonxa, a pesca e a economía do mar. Non estraguemos un motor de riqueza e emprego e un símbolo da Coruña.
- Os terreos en desuso deben mellorar a cidade: espazos libres, zonas verdes, mobilidade sostible, equipamentos.
- Participación cidadá, nada de agochar as decisións en despachos.