A concelleira deixa así a máis de 7.000 veciños e veciñas sen representación no Concello da Coruña
O Grupo Municipal da Marea Atlántica entende que a edil Mónica Martínez Lema, que vén de anunciar publicamente que abandona Ciudadanos, o partido co que se presentou ás eleccións en maio de 2019, estafa ás 7.245 veciñas e veciños que lle deron o seu voto nas municipais de 2019 ao aferrarse ao seu escano. Estas persoas optaron por unha opción política, coa que non coincidimos pero que respectamos, e non merecen ser privadas da representación que escolleron nas urnas.
Aínda que debe ser a súa formación quen lle reclame a acta, a Marea Atlántica entende que a opción máis honesta, cando un representante público abandona o partido co que concorreu ás urnas, é deixar o escano e permitir que corra a lista electoral en lugar de caer en prácticas personalistas e pouco aconsellables no noso sistema democrático. A edil foi elixida por un proxecto político que agora abandonou.
Agardamos, en todo caso, que o goberno de Inés Rey non teña a tentación de reforzar a súa posición minoritaria incorporando a unha concelleira que se aferra a un escano que non lle pertence. Un caso de transfuguismo danaría enormemente a reputación do Concello da Coruña, a casa de todos e todas as coruñesas.